Ferido grave en Cuntis un gandeiro de 61 anos que recibiu a cornada dun boi

Wait 5 sec.

Un gandeiro de 61 anos resultou ferido grave este mércores tras ser corneado por un boi na parroquia da Ermida, en Cuntis. Segundo informan dende o Concello de Cuntis, os servizos municipais de Emerxencias, xunto co 112 Galicia, mobilizáronse de inmediato para socorrer ao home. O incidente ocorreu cando o gandeiro foi embestido polo animal, resultando con feridas de gravidade. Dous veciños, alertados polos seus berros de auxilio, foron os primeiros en asistilo e deron aviso ás autoridades. Ata o lugar dos feitos desprazáronse efectivos dos servizos de Emerxencias de Cuntis, así como persoal do concello e o propio alcalde, Manuel Campos, quen tamén colaborou activamente nas tarefas de evacuación. Debido á complexidade do terreo, o ferido tivo que ser trasladado en padiola uns cincocentos metros ata o punto onde agardaba o helicóptero do 061. Finalmente foi evacuado para recibir atención médica urxente no complexo hospitalario de Santiago de Compostela.