A ampliación da EDAR de Vilagarcía, con 31 millóns de investimento, comezará en 2026

Wait 5 sec.

As obras de ampliación da depuradora, na que a Xunta de Galicia e o Concello de Vilagarcía de Arousa, investirán ata 31 millóns de euros, comenzarán en 2026. Así se recolle no convenio asinado este mércores pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. As obras terán prazo de execución de dous anos e nove meses e permitirán que a depuradora poida duplicar a súa capacidade e atender a unha poboación potencial de preto de 100.000 habitantes. Os técnicos comezarán coa redacción dos pregos en setembro para publicar a licitación canto antes, co obxectivo de que as obras poidan iniciarse na data prevista. "Hoxe é un día histórico para a nosa cidade. Poucos investimentos son tan importantes para o futuro de Vilagarcía como o é este", explicou Varela, xa que será fundamental para mellorar o tratamento das augas residuais "dos próximos vinte ou trinta anos". Estas obras, sinalou Ángeles Vázquez, garantirán a sostibilidade desta depuradora solucionando os principais problemas detectados durante a realización dun estudo detallado sobre o seu estado. As actuacións executaranse no emprazamento da actual depuradora, mantendo operativa a instalación e construíndo novas liñas de auga, de lodos e de biogás. A liña de auga prevista integrará os procesos de pretratamento -a aloxar nun ou varios edificios con desodorización-, novo tratamento biolóxico, decantación secundaria, tratamento terciario de desinfección e sistema de eliminación química de fósforo. A maiores, construirase tamén un novo bombeo ao emisario submarino existente e avaliarase a necesidade de modificar as bocas existentes ou aumentar o número de difusores para que se axusten ao caudal de deseño máximo da EDAR. En canto á liña de lodos, situarase dentro do actual edificio, instalarase o sistema de desodorización e deseñaranse dúas liñas, tendo en conta que cada unha delas deberá ter capacidade para tratar o caudal diario. Pola súa parte, a liña de biogás estará integrada por gasómetro, tratamento de afino de biogás previo ao motor de coxeración, motor con recuperación de enerxía e facho. Os traballos tamén inclúen a remodelación dos actuais edificios de control e de lodos e o derrubamento da actual instalación de pretratamento para reconverter o espazo que ocupaba en zona portuaria. Ademais, instalaranse placas fotovoltaicas nas cubertas dos distintos inmobles e revisarase e repararase, de ser necesario, o emisario de preto de 5 quilómetros de lonxitude existente cara ao medio mariño. A Xunta de Galicia achegará 25 millóns de euros, quince deles procedentes de fondos europeos, e o Concello terá que asumir os 6 millóns restantes, que Vilagarcía pagará a Augas de Galicia durante dez anos, en partidas anuais de 627.000 euros. A titular de Medio Ambiente destacou que "pedímoslle un esforzo ao Concello e eles cumpriron" e celebrou que entre ambas partes houbera "capacidade técnica, de diálogo e de xestión" para poder captar os fondos que permitirán acometer esta actuación. Para o alcalde, este compromiso do goberno local "vén de lonxe", xa que non só se conseguiu o presuposto, senón que se realizou unha modificación puntual para ubicar a depuradora e tamén se comprou un dos terreos para a construción dun dos tanques de tormentas. A este respecto, desde Augas de Galicia comprometéronse tamén a rematar este mesmo ano as obras dos dous tanques de tormentas, en Fexdega e na Avenida Valle Inclán, deseñados para reducir os desbordamentos cando chova, e polo tanto, as verteduras ao río do Con. "As accións que restan están moi localizadas e non deberían conlevar máis atrasos", detallou Ángeles Vázquez sobre os traballos pendentes para rematar estes tanques de tormentas.