"Festa do baloncesto" en Vilagarcía cun amigable entre Obradoiro e Básquet Coruña

Wait 5 sec.

O baloncesto galego ten unha cita este verán en Vilagarcía de Arousa. O Pavillón Municipal Sara Gómez de Fontecarmoa será escenario dun duelo entre dous dos máximos expoñentes do baloncesto autonómico, candidatos ambos a pelexar polo ascenso á Liga ACB, como son Monbús Obradoiro e Leyma Coruña. O Trofeo San Roque celebrarase o venres 29 de agosto ás 20.30 horas, sendo a primeira cita de pretempada para ambos os dous equipos. A intención é que a xornada sexa "unha festa do baloncesto", sinalan desde o CB Vilagarcía. A cita foi presentada oficialmente este mércores afirmando o alcalde, Alberto Varela, que será "difícil de esquecer", e anunciando xa a activación da venda de entradas. "Os equipos nunca se mediron na liga oficial, por iso hai tanta expectación, ademais de pola rivalidade sa e o interese das afeccións", sinalou pola súa banda desde a organización Erea Hierro. As entradas pódense adquirir a través da web oficial do CB Vilagarcía a un prezo de cinco euros, ou presencialmente en MotoBazar. Os menores de dez anos contarán con acceso de balde. "Non queremos que este partido sexa algo puntual. Temos vistas a futuro e pretendemos organizar encontros similares máis adiante", apuntou Erea Hierro sobre os plans de futuro do Trofeo San Roque.