Até 20 clubs e deportistas locais de Poio recibirán este ano subvencións por parte do Concello. Segundo explica o goberno local, recibirán fondos a través de tres liñas de subvención direrenciada: destinadas a clubs e entidades que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións; deportistas federados empadroados en Poio cunha antigüidade mínima dun ano e que compitan en modalidades deportivas de carácter individual; e clubs de fútbol con equipos que disputen competicións nas categorías de veteranos. "Estas axudas son unha ferramenta fundamental para apoiar o tecido deportivo local e recoñecer o esforzo dos clubs e deportistas que levan o nome de Poio dentro e fóra de Galicia", destaca o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños. A través da primeira liña de axudas repartíronse, explica o Concello, 28.500 euros entre o Poio Bike Club, Escola de Piragüismo de Poio, Club Atlético Combarro, Club Poio Fútbol Sala, Balonmán Poio-Artai, Club Ciclismo Tríatlon Poio, Club Deportivo 7 a 9, Club Saraiba E.D. Poio, Sociedade Cultural Deportiva Poio e Asociación Cultural, Deportiva e Medioambiental Armadiña. Á liña 2 destináronse 3.190 euros, sendo os deportistas individuais beneficiarios Nicolás Braña Rial, Lorena Nieto Pérez, Iria Tilve Señoráns, Sofía Fernández Fernández, Carla García Vicente, Antonio Castiñeira Ucha e Carolina Santos Villalón. Por último no terceiro nivel e con 1.350 euros en total, resultaron beneficiarios Poio Bar Monterrei, Club Sporting Campelo e Atlético Peña Racing. Xunto a estas axudas o Concello de Poio repartiu o pasado curso 74.000 euros entre 14 clubs para colaborar co desenvolvemento das escolas deportivas municipais, que contaron con 740 alumnos inscritos.