Ilusión no inicio de curso do Poio Pescamar: "O club aspira a un título e é para o que imos traballar"

Wait 5 sec.

O Poio Pescamar iniciou este venres 1 de agosto a súa pretempada, e fíxoo con ilusións e ambicións renovadas. Despois de dous meses de descanso deportivo pero con movementos no seu plantel, o conxunto conserveiro arrincou o traballo cunha dobre sesión, empezando en horario matinal por unha toma de contacto coa pista do pavillón da Seca. "O club hai tempo que aspira a poder conseguir un título, e é para o que nós imos traballar", afirma con convicción a persoa que por cuarto ano consecutivo sentará no banco, Luís López-Tulla. "A idea é dar continuidade ao que fixemos estes últimos anos", afirma o preparador tras un verán de saídas e chegadas. Até sete caras novas presenta de feito o plantel vermello, as de Yanira, Carolina Bravo, Débora Lavrador, Noelia Montoro, Pedreira, Zaide Pérez e Rafa Pato, esta última ausente aínda con permiso do club. Elena, Ale de Paz, Martita, Candela, Chuli, Èlia e Miri son pola súa banda as que continúan en Poio con respecto á pasada campaña. "Creo que foi un bo verán. A nivel de club fíxose un esforzo tamén", recoñece López-Tulla, que deseñou unha pretempada "de catro semanas con tres partidos". Todo mirando xa cara á primeira xornada do campionato de liga, que arrincará o 6 de setembro na Seca cun encontro fronte ao AE Penya Esplugues. [galleries:vertical:10626]