A ciclista marinense Lorena Patiño foi unha das protagonistas españolas da xornada inaugural de carreiras XCO do Campionato de Europa que se celebra na localidade portuguesa de Melgaço. Tras unha saída complicada que a deixou máis aló do posto 20, a representante do combinado nacional júnior feminino foi adiantando volta tras volta até atopar o seu sitio na carreira na décimo sexta praza, posición na que cruzou a meta cun tempo de 01:10:56. A suíza Grossmann coroouse campioa de Europa (01:03:01), segunda foi a eslovena Šerkezi (01:04:58) e terceira a checa Bukovská (01:06:32). Xunto a ela, Irene García e Mónica Estrada tamén defenderon as cores da Selección Española, finalizando en 29ª e 31ª posición, respectivamente, mentres que Lidia Benedito viuse obrigada a abandonar antes de meta. En homes, Thibaut François foi o ciclista máis destacado do combinado nacional cunha oitava praza na carreira sub23. Tamén competiron Alejandro García (19), Hugo Franco (27) e Francesc Barber (28). Na júnior masculina, Guillermo Parrado finalizou en décimo terceira posición, Rául López foi décimosexto, Esteban Martín concluíu no posto 27 e Iker Pérez, penalizado por unha picada, no 41. A clausura deste Campionato de Europa de Melgaço será este domingo coas carreiras elite masculina e feminina de XCO, así como a sub23 feminina.