Poio destaca o potencial do turismo "responsable e comprometido" co benestar animal

Wait 5 sec.

Poio continúa consolidando o seu modelo turístico, baseado nunha oferta de calidade, internacional e destacionalizada, pero tamén comprometido e con valores sólidos, como o coidado dos animais. Así o destaca a concelleira de Turismo, Rocío Cochón. Fíxoo tras visitar o Centro Kennels, en Combarro, con motivo do seu décimo aniversario e coa intención de recoñecer o labor deste establecemento. Durante a visita, Cochón estivo acompañada polos responsables, Manuel Lorenzo e Melanie Standing, que lle explicaron a concepción do centro, precursor no aloxamento e coidado canino, e a súa evolución desde que abriu en 2015 nos terreos do antigo campo de fútbol da parroquia. Tamén se uniron á visita dúas hóspedes 'de toda a vida', as peludas Charlotte e Chica, coas que percorreron as instalacións. A edil subliñou as sinerxías deste centro co resto do sector turístico porque hai moitos visitantes que veñen a Poio ou á comarca a pasar as súas vacacións "específicamente porque saben que tamén dispoñen dun lugar extraordinario para aloxar ás súas mascotas". Ademais, o aloxamento por horas ou servizo de gardería permite ao resto da familia visitar lugares onde non se permite a presenza de animais, como Tambo ou as Illas Atlánticas. Cochón destacou así mesmo o carácter pioneiro do establecemento desde a súa creación, cun modelo afastado doutros aloxamentos para mascotas. O complexo, de máis de 10.000 metros cadrados de superficie, conta con 30 canís ou 'habitacións' individuais con espazos diferenciados, unha zona común de xogo e socialización, e distintos servizos adaptados. Nese sentido, os responsables explicaron que, ademais do turismo con mascotas, que representa a maioría dos usuarios, o centro tamén cubre outras necesidades, como hospitalizacións ou motivos de traballo. De feito, recordaron que nestes dez anos houbo momentos como a pandemia da covid-19, cando foron un dos poucos establecementos turísticos que permaneceron abertos para atender, entre outros, ás mascotas do persoal sanitario e outros servizos esenciais.