María Martínez Allegue: "Queremos chegar a 2028 con 300 vivendas rematadas en Pontevedra. Imos a un ritmo abrumador"

Wait 5 sec.

"O cariño que lle teño á miña cidade tes que entender que é moi grande", afirma María Martínez Allegue (Pontevedra, 1978), ao pouco de comezar a súa entrevista con PontevedraViva. Así se explica, en parte, todo o traballo que está a impulsar na Boa Vila. É, desde hai algo máis dun ano, unha das máis estreitas colaboradoras do presidente da Xunta, o tamén pontevedrés Alfonso Rueda, que confiou nela para unha das consellerías estratéxicas do seu goberno, a de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Con ela analizamos os proxectos que, en materia de vivenda, están en marcha en Pontevedra ou o futuro que lle espera á cidade con outras actuacións que están pendentes, como a coñecida como variante de Alba, o posible rescate da AP-9 ou a tramitación do PXOM. Leva apenas catorce meses como conselleira. Que balance faría desta etapa? Fago un balance moi bo. Levo, efectivamente, pouco máis dun ano e desde o primeiro día tiven un obxectivo moi claro. Esta é a lexislatura da vivenda. Temos o reto de duplicar o parque público de vivenda. Queremos chegar ás 8.000 en 2028 e imos a un ritmo abrumador. Non é un obxectivo demasiado ambicioso? Non o creo. Temos agora mesmo máis de 2.800 vivendas novas de promoción pública en marcha, das que 825 xa se están construíndo. Aquí en Pontevedra, por exemplo, temos 74 en Valdecorvos. Nesta cidade temos unha aposta moi forte. Pontevedra, dalgunha maneira, é o motor deste impulso á vivenda? Queremos chegar ás 300 vivendas terminadas en 2028. Temos un compromiso de gasto de, polo menos, 60 millóns. Esas 74 entregarémolas o próximo ano. Pero xa licitamos outras 56. E en setembro sacaremos 48 máis. Xa temos o proxecto redactado. É moi bonito. Ademais, conveniamos co Concello a cesión de tres parcelas máis, unha en Valdecorvos para a construción de máis de 50 vivendas e outra na Rúa das Devesas, para 11 máis. E despois estamos a traballar noutras 53 no ámbito de Tafisa. Adxudicarémolas pronto. A aposta é total. Tamén lanzamos unha liña de axudas para promotores e cooperativistas para que constrúan vivendas en réxime de venda protexida. E unha das primeiras axudas foi en Pontevedra, en Tafisa. Máis de medio millón de euros para incentivar 56 vivendas. María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de InfraestruturasCristina Saiz Que ten Pontevedra para que se impulse agora tanta vivenda pública? Como conselleira o cariño que lle teño á miña cidade tes que entender que é moi grande. E teño que dicir que a colaboración que estamos a ter co Concello facilita este labor. Non só estamos a falar de construír vivenda, senón tamén de desenvolver solo. Refírese ao polígono residencial proxectado no ámbito de San Amaro, non? Así é. Queremos habilitar solo urbanizable onde se poida construír nunha futuro vivenda libre, protexida e pública. Para San Amaro xa estamos a redactar o proxecto. Tivemos varias reunións co Concello e cos propietarios afectados polas expropiacións. A nosa intención é someter ese documento aos trámites ambientais en agosto para axilizar os trámites e chegar ao ano 2027 ou 2028 con ese solo xa urbanizado para sacar a concurso as parcelas e que se poidan construír as novas vivendas. Pero non só están a impulsar vivendas en Pontevedra... Non. Preto de Pontevedra tamén estamos a traballar con Sanxenxo, con quen estamos conveniando a cesión de solo para construír vivenda pública. E con Marín queremos delimitar un ámbito para habilitar solo. Xa estamos en contacto con eles para desenvolver esa estratexia. En Pontevedra, actualmente, hai unhas 1.500 persoas rexistradas como demandantes de vivenda pública. Poderase satisfacer as necesidades de todas elas? Canto máis traballas, máis se incrementa a lista de demandantes, o cal é bo. Quere dicir que estamos a traballar e que está a funcionar. En San Amaro serán algo máis de 2.000 vivendas, das que o 80% serán protexidas e o 20% serán libres. Serán un gran avance. María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de InfraestruturasCristina Saiz Falaba do esforzo da Xunta e da colaboración do Concello. Está a responder o Estado ao mesmo nivel? Non está a responder. O único que fan son anuncios baleiros de contido. É todo fume. Non hai nin unha vivenda construída onde se anunciaron. E dos créditos ICO para construír vivenda en réxime de aluguer, Galicia recibiu 0 euros. Moito falan pero pouco fan. Até agora falamos de vivenda, pero entre as súas competencias están tamén as infraestruturas que, tradicionalmente, é unha das carteiras máis investidoras... Temos un orzamento elevado, si. Temos 5.500 quilómetros de estradas autonómicas que estamos a conservar. En Pontevedra temos moitos reforzos de firme en tramitación por máis de 7 millóns. E tamén queremos aumentar os quilómetros de vías de altas prestacións. Agora mesmo, o 80% da poboación galega está a menos de dez minutos dunha autovía. Rescatar as que tiñan peaxe na sombra permítenos ter dispoñibilidade orzamentaria para vertebrar o noso territorio e ter unha maior competitividade económica. Sería agora o corredor do Salnés, entre Sanxenxo e O Grove, unha das zonas de actuación prioritaria en materia de vías de altas prestacións? Fixemos moitos estudos. Alí os problemas danse, sobre todo, na tempada estival e as horas de entrada e saída. As interseccións con esa vía non teñen a capacidade que deberían ter. Estamos a traballar nunha actuación ambiciosa que abarcará tamén as estradas que van até O Grove. Daremos a coñecer todos os detalles moi pronto. María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de InfraestruturasCristina Saiz Tamén se desbloqueou a variante de Alba. Por que ese cambio de parecer na Xunta? Retomámola tras os estudos que fixemos dos tráficos que soporta tanto a estrada a Vilagarcía como a N-550. Estamos a traballar nun trazado que teña o maior consenso posible. Témolo moi avanzado e a finais de verán someterémolo a avaliación ambiental. Desconxestionará moito o tráfico destas estradas, mellorase a mobilidade e non terá impacto social. Os trámites non son rápidos, pero tampouco serán excesivamente longos. A avaliación ambiental, ao ser simplificada, serán un seis ou sete meses. Haberá moitos cambios nese trazado? Será moi similar ao que someteramos a información pública. O que varía un pouco é a configuración. Estudáronse moitos trazados. A alternativa definitiva nacerá na glorieta que fixemos en Campañó e chegará até a estrada nacional. Terá dous carrís, sendas peonís e quedará contemplada unha posibilidade de ampliación no futuro. E cre que veremos pronto o rescate da AP-9? O primeiro que teño que dicir é que hai un escurantismo total e unha falta de transparencia do Goberno. Pedinlles unha reunión catro veces e nada. Galicia pediu a súa transferencia e fixemos un estudo do custo do rescate. Serían 1.300 millóns no peor dos horizontes. O custo das bonificacións están á par. Teñen que valorar o rescate. E máis agora con ese plus de motivación que é o ditame da Unión Europea sobre a prórroga. Esperemos que o Goberno e o ministro Óscar Puente nos faga caso dunha vez. Pero a esta situación, precisamente, non se chegaría sen esa prórroga concedida por Aznar... Houbo varias prórrogas, unha con ese goberno e outra con outro goberno. Agora non é momento do 'e ti máis'. É hora de sentar, valorar o que se pode facer e ver o que é bo para os galegos. É o momento de coller o touro polos cornos. O Goberno o que ten que facer é deixar de engordar os petos da concesionaria. A AP-9 non é unha infraestrutura calquera. Vertebra de norte a sur o noso territorio e utilízaa o 60% de toda a nosa poboación. É unha infraestrutura moi importante. María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de InfraestruturasCristina Saiz Non ve entón responsabilidades no PP? Non é tempo para botar as culpas lembrando que foron dous gobernos de dúas cores políticas os que prorrogaron esa concesión e son as dúas prórrogas as que están en cuestión. Temos unha oportunidade. Temos que ser valentes e facer o que temos que facer. Aínda que non sexa un proxecto da Xunta, que opina da A-57? Máis aló do atraso, consideran necesario conectala coa Autovía do Salnés ou cara ao sur coa A-52? O tramo que se puxo en funcionamento hai pouco tempo carece de operatividade por si mesmo. A A-57 non sería necesaria se se rescatase a AP-9. Sabemos que ten unha forte contestación veciñal. É un dos temas que queremos tratar co ministro Óscar Puente. O máis lóxico sería continuala cara ao sur e non cara ao norte. Nos últimos meses o seu departamento foi mellorando varias estradas autonómicas no ámbito de Pontevedra. Estaban en moi mal estado? Temos unha gran aposta en toda a provincia. Non só coa propia infraestrutura senón para fomentar a mobilidade de peóns e ciclistas. Estamos a facer sendas. Queremos que a xente poida camiñar con total seguridade. Agora estanse materializando moitos destes proxectos. Pontevedra é unha cidade que leva sen actualizar o PXOM desde 1989. Considera que o goberno municipal debe retomar a súa tramitación? Por suposto que Pontevedra necesita un PXOM. Deben tramitalo. No seu día, o Concello afirmou que paralizaba estes traballos porque a Xunta condicionaba moito o crecemento da cidade, limitando especialmente a edificabilidade en zonas rurais... Estamos dispostos a tenderlles a man, pero iso non é certo. Modificamos a normativa para axilizar ao máximo a tramitación urbanística para o desenvolvemento do plan. Pontevedra, concello de máis de 50.000 habitantes, ten competencia para delimitar os núcleos rurais. Xa non teñen escusa porque a aprobación definitiva queda nas súas mans. Antes de concluír con esta entrevista, non me resisto a preguntarlle se lle gusta a política municipal. Veríase nalgún momento neste ámbito? Toda a miña vida estivo vinculada á administración local. Pero agora son parte do executivo galego e estou plenamente centrada niso. Non penso noutro horizonte. Ademais, en Pontevedra temos un candidato excepcional e que está a facer as cousas moi ben. Que alguén poida pensar en vostede veo como un aval ao seu traballo? O traballo que estamos a facer na Xunta e na miña consellería é un traballo en equipo. É un equipo espectacular en infraestruturas, en urbanismo ou en vivenda. Non é algo dunha persoa concreta. É unha política, un presidente e uns obxectivos que nos marcamos.