Adianto da Urbana Monte Porreiro na Peregrina: "vai haber moito lume e moito bo rollo"

Wait 5 sec.

O ciclo Urbana Monte Porreiro volverá este ano ao populoso barrio pontevedrés entre os días 5 e 6 de agosto. Antes, como adianto, este venres 1 deu o salto ao centro da cidade. En plena Praza da Peregrina, o artista O'Ras fixo un grafiti co nome do ciclo musical e os rapeiros Nervo e Fani, integrantes de Rebeliom do Inframundo, adiantaron como será o seu concerto da próxima semana. Nervo destacou que este ciclo de Monte Porreiro é "marabilloso" e "fundamental", sobre todo polo seu papel apoiando a musica en galego "nos tempos escuros que estamos vivindo a nivel cultural", nos que resulta "importante que se apoie a nosa cultura, a nosa lingua, o arte do noso país". Para este rapeiro, resulta máis importante aínda nun momento no que "a ultradereita cre que ten moito poder" porque dálle voz a grupos que "socialmente teñen unha crítica fundamental". Rebelióm do Inframundo actua o mércores 6 de agosto en Monte Porreiro e anima a toda a poboación a achegarse ata o barrio, prometendo que "vai haber moito lume, moito bo rollo". O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, presentou o ciclo, que organizará concertos a partir das 21.00 horas no parque do miradoiro de Monte Porreiro, "un dos espazos con máis calidade urbana de todo o Conceio de Pontevedra". Terá entrada libre e, durante os dous días de festival, O'Ras fará un grafiti. Este festival é, para Demetrio Gómez, unha das citas da programación do verán cultural de Pontevedra á que lle ten "máis cariño" porque forma parte da programación descentralizada e porque vai dirixida a un público moi novo. Este ano, ademais, faille ilusión porque supón poñer sobre o escenario "a música quizáis máis comprometida coa terra, o rap, as músicas urbanas". Este ciclo leva a Monte Porreiro propostas musicals entre a vangarda, o compromiso e os sons contemporáneos. Serán John Pollõn e Hugo GZ o martes 5 e Califato 3/4 e Rebeliom do Inframundo o xoves 6.