Un incendio queimou por completo unha instalación anexa a unha vivenda de Cuntis na tarde deste venres 1 de agosto. O lume rexistrouse no lugar de Furco, na parroquia de Arcos, e iniciouse por causas aínda descoñecidas. Segundo a información facilitada polo Concello, destruíu a totalidade do anexo, onde se almacenaban varios electrodomésticos e outros obxectos. A pesar do aparatoso do lume, non houbo que lamentar danos persoais. As tarefas de extinción foron laboriosas e complicadas e duraron aproximadamente unha hora. Incendio nunha instalación anexa a unha vivenda no lugar de FurcoConcello de Cuntis Os servizos de emerxencia mobilizaron un amplo despregamento de medios para sufocar o incendio. Os primeiros en chegar ao lugar foron o Servizo Municipal de Emerxencias de Cuntis, que iniciou as labores de extinción e asegurou a zona ata a chegada de máis efectivos. Posteriormente, sumáronse aos traballos de control do lume o GES da Estrada e, finalmente, os Bombeiros do Salnés, que se encargaron de finalizar a extinción. Nas tarefas de coordinación e seguridade tamén participaron a Policía Local de Cuntis e a Garda Civil de Cuntis. Desde o Concello destacan que a rápida actuación e a coordinación entre todos os equipos de emerxencia foron clave para evitar que o lume se propagase á vivenda principal. O alcalde, Manuel Campos, desprazouse ata o lugar do suceso para seguir de preto as operacións e colaborou activamente nas labores de extinción.