Iván Varela sae cedido do Arosa ao Sigüeiro FC na busca de minutos

Wait 5 sec.

O Arosa SC e o Sigüeiro FC alcanzaron un acordo para a cesión de Iván Varela até final de tempada. O mozo lateral dereito de 20 anos, formado na canteira do club vilagarcián, buscará no conxunto santiagués as oportunidades e continuidade que non estaba a ter na Lomba durante a primeira metade da campaña. Varela chegou ao Arosa na tempada 2023-24, procedente do Bertamiráns CF, para incorporarse ao equipo xuvenil de División de Honra. Tras completar a súa etapa de formación, deu o salto ao primeiro equipo este verán e debutou oficialmente disputando os 90 minutos na vitoria fronte ao Silva. Esta tempada participara en sete partidos, sendo titular en dous deles e disputando un total de 267 minutos. O xogador despídese temporalmente do club cunha mensaxe de agradecemento "á afección, aos compañeiros e a todos os que forman parte do Arosa SC". Engadiu que se marcha "con moitos recordos bonitos e sendo mellor xogador", e confía en que o equipo "cumpra os seus obxectivos con esforzo e traballo". Desde o Arosa agradeceron o seu compromiso e profesionalidade durante as tres tempadas que leva defendendo as súas cores, desexándolle "a mellor das sortes" nesta nova etapa en Sigüeiro. A saída de Varela é o terceiro movemento que realiza o club arlequinado no mercado invernal, tras a incorporación de Manu Fernández e de Yoel Crespo ás filas do primeiro equipo.