Os detalles da visita dos Reis Magos a Pontevedra, con recepción no Concello e cabalgata

Wait 5 sec.

Pontevedra ultima os detalles para recibir este luns 5 de xaneiro a visita dos Reis Magos. Será unha xornada tremendamente especial e con cambios con respecto a anos anteriores. O principal é a localización para a recepción oficial que ofrecerá o Concello de Pontevedra ás 11.00 horas a Melchor, Gaspar e Baltasar, e que se celebrará nesta ocasión no Salón de Plenos da renovada Casa Consistorial, na Praza de España, en lugar de realizarse no Pazo de Mugartegui. Será o punto de partida dunha ilusionante xornada, coa posibilidade de que os nenos e nenas da cidade trasladen as súas peticións de última hora ás súas Maxestades de Oriente. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, será o momento da gran Cabalgata de Reis. Confirma o Concello que se repartirán 2.000 quilos de caramelos durante o percorrido, que partirá desde a Avenida de Lugo para pasar por Loureiro Crespo, Benito Corbal, Praza da Peregrina, Michelena, Praza de España e final na Alameda. A Policía Local abrirá paso á comitiva xunto a un cambión dos Bombeiros e seguidos pola Banda de Música de Salcedo. Participarán no desfile múltiples compañías e espectáculos, con atraccións destacadas como os 'Flamingos' e 'Medusas' de Barafunda, os zancudos de Hípica Celta ou as 'Ovellas do Belén' de Rivel Animación. O ritmo porano a Charanga Xuntanza, os Gaiteiros Celme, o grupo folclórico 'Pola Vila', Duos Pontes e a percusión de Troula co 'Circo Krasnodar' e o espectáculo 'O Dentista da Rúa Brasov'. As carrozas terán temáticas como Merlín, Star Wars e Tarzán. Será o previo ao tres grandes carrozas reais de Melchor, Gaspar e Baltasar, que pecharán a cabalgata xunto aos elefantes de La Fiesta Escénica e as 'Nécoras da Ría' de Rivel Animación.