Plan especial de tráfico pola Cabalgata de Reis, con restricións desde as 16.00 horas

Wait 5 sec.

A Cabalgata de Reis é unha das citas máis esperadas de todo o Nadal, e ante a previsión dunha gran afluencia de persoas, nenos e adultos, a Policía Local de Pontevedra elaborou un dispositivo especial de seguridade. En concreto as restricións de tráfico comezarán ás 16.00 horas deste luns 5 de xaneiro. A esa hora procederase ao peche ao tráfico na zona de concentración da comitiva real, é dicir, na Avenida de Lugo e Loureiro Crespo no tramo comprendido entre as rúas Rodríguez Seoane e Virxinia Pereira Renda. Unha hora despois, desde as 17.00 horas e até a conclusión da cabalgata ao redor das 20.30 horas, procederase ao peche total do percorrido polas rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, Michelena, Praza de España, Alameda e tamén Echegaray. Lembra a Policía Local que durante esta franxa horaria tampouco se permitirá a entrada e saída de vehículos dos garaxes situados nas rúas afectadas. ACCESO AOS HOSPITAIS Para garantir o acceso ao Hospital Provincial e ao Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez habilitaranse itinerarios alternativos. Hospital Provincial: Ruta 1 (desde Beiramar) accedendo por Padre Gaite, San Antoniño, Víctor Cervera Mercadillo e Loureiro Crespo. Ruta 2 (desde Eduardo Pondal) accedendo por Uxío Novoneyra e Joaquín Costa. Hospital Quirónsalud: O acceso realizarase desde a Praza de Galicia, Andrés Mellado, Rúa Sagasta (habilitada en sentido contrario) e Rúa Castelao.