O Poio Pescamar regresou á competición tras o parón do Nadal cunha valiosa vitoria. As conserveiras impuxéronse este sábado ao Burela en Vista Alegre por 0-2 nun partido que marcou o regreso da Primeira División feminina no ano 2026. O duelo comezou con novidades baixo paus para o conxunto vermello, apostando Luís López-Tulla por Yanira como porteira titular, quen ademais debutaba na liga esta tempada. A gardameta mostrouse segura desde o inicio, protagonizando varias paradas de mérito. Foi con todo o Poio Pescamar o que marcou o ritmo ofensivo e gozou das primeiras oportunidades a través de Èlia, que obrigou a Ana Eliza a intervir por partida dobre. O conxunto visitante transformou o seu dominio en premio no minuto 7, tras unha gran combinación entre Martita e Ale de Paz que culminou a capitá para abrir o marcador. O Burela tratou de reaccionar, pero Yanira sostivo ao seu equipo cunha tripla parada coa que evitaba o empate. Candela respondeu enviando o esférico á madeira, pero cando a primeira metade estaba a chegar ao seu final, o cadro vermello ampliou distancias cun tanto de Pedreira sen oposición. Na continuación, os locais envorcáronse na busca do gol, xogando de cinco durante varios tramos do encontro, pero topáronse unha e outra vez cunha Yanira inspirada, que asinou unha estrea impecable en liga. As conserveiras rozaron o gol nun par de ocasións illadas, pero Ana Eliza tamén respondeu con seguridade ás chegadas visitantes, especialmente ante un novo intento de Candela. O tramo final non cambiou o guion e o Poio Pescamar defendeu con solvencia e soubo manexar os tempos até o asubío final, logrando tres puntos de ouro para comezar o 2026 e manterse na pelexa na parte alta da clasificación. Consulta a acta neste enlace