A Xunta de Galicia aposta pola modernización e eficiencia enerxética dos centros educativos da provincia de Pontevedra coa licitación de tres novas actuacións enmarcadas no Plan de nova arquitectura pedagóxica. As obras beneficiarán ao CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, ao CEIP Seixo de Marín e ao CEIP Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro, e executaranse ao longo de 2026. No CPI Aurelio Marcelino Rey García, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP investirá 1,1 millóns de euros e realizará unha ampliación e mellora integral orientada a incrementar o confort térmico do alumnado e o profesorado, á vez que se reduce o consumo enerxético e a pegada ambiental do edificio. A actuación permitirá alcanzar un aforro do 57,6% en enerxía e do 61,4% en emisións de CO2, grazas á renovación completa da envolvente do centro, a instalación dunha nova cuberta de panel sándwich (1.869 metros cadrados), o illamento de fachadas con sistema SATE (2.097 metros cadrados) e a substitución de 130 xanelas e 11 portas por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre acristalamiento. A rehabilitación tamén inclúe 515 novas luminarias LED, pavimentos renovados en Infantil e melloras en teitos do comedor e zonas interiores. No CEIP Seixo de Marín, a Xunta destinará máis de 1,1 millóns de euros a unha rehabilitación integral co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade do edificio. Instalarán unha nova cuberta con panel sándwich illante, sistema SATE en fachadas e carpintarías exteriores de aluminio lacado con rotura de ponte térmica e dobre vidro. Dentro do colexio colocaranse falsos teitos fonoabsorbentes e luminarias LED, e redistribuiranse espazos para crear unha nova aula de Infantil e unha sala auxiliar. Ademais, instalarase un ascensor para mellorar a accesibilidade. Pola súa banda, o CEIP Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro contará cun investimento de máis de 710.000 euros. Da mesma maneira que nos anteriores centros, renovaranse a cuberta, fachadas e carpintarías exteriores, e incorporarase unha caldeira de pellets, ademais da colocación de falsos teitos. Destaca tamén a instalación dun ascensor e un baño adaptado, xunto coa mellora dos accesos para suprimir barreiras arquitectónicas. Con estas licitacións, a Xunta pon en marcha as primeiras obras previstas para 2026, dun total de 16 actuacións en toda Galicia. Na área de Pontevedra, o investimento total supera os 19,5 millóns de euros, incluíndo outras rehabilitacións relevantes como o CEIP de Sequelo-Marín (825.000 euros) e o cambio de cubertas no CEIP do Carballal (Marín, 500.000 euros).