Todo está listo xa en Vilagarcía de Arousa para a visita dos Reis Magos. As súas Maxestades de Oriente teñen previsto percorrer as rúas de Vilagarcía o vindeiro luns 5 de xaneiro cunha cabalgata que partirá ás 19.00 horas da praza da II República e finalizará en Ravella co tradicional discurso de Melchor, Gaspar e Baltasar. Percorrerán as rúas, confirma o Concello, acompañados dun séquito composto por seiscentas persoas. Pertencen a 16 colectivos arousáns, entre os que se atopan ANPAS de varios colexios, asociacións culturais e veciñais, grupos musicais, o Colexio de Educación Especial, a asociación de voluntarios de Protección Civil e os centurións do club de rugby Os Ingleses. Ademais participará un autobús histórico e a Banda de Música de Vilagarcía amenizará o acto tocando panxoliñas. As súas Maxestades disporán este ano de 3.200 quilos de caramelos sen gluten que eles e os seus paxes lanzarán ao público desde seis carrozas. A cabalgata sairá ás 19:00 horas da chaira do Auditorio para desfilar pola Avenida da Mariña cara a Praza da Peixería e continuar pola praza do Doutor Carús, Alexandre Bóveda, Alejandro Cerecedo e Doutor Tourón. Pasará pola Praza de España e seguirá por Edelmiro Trillo, Padre Feijoo e Arapiles até chegar aos xardíns de Ravella. Alí os Reis baixarán dos seus vehículos para realizar o último tramo do traxecto a pé atravesando o parque. Despois de ser recibidos no consistorio polo alcalde e autoridades locais, os Magos de Oriente acomodaranse nos tronos do Salón Nobre para recibir a todos os nenos e nenas que desexen ir saudalos persoalmente.