O antigo matadoiro municipal de Cuntis converterase nun ximnasio. É o proxecto polo que aposta o Concello de Cuntis, nunha actuación que pretende financiar con fondos do III Plan Extra de Infraestruturas Deportivas da Deputación. Trátase dun proxecto que xa se remitiu á administración provincial cun orzamento de 96.877,45 euros. No documento detállanse os traballos que serán necesarios para habilitar o futuro ximnasio. Será necesaria a recuperación integral do inmoble, que pasaría a contar con todos os servizos básicos e unha nova cuberta. Unha vez rehabilitado, dotaríase de equipamento deportivo para acoller as actividades que alí se desenvolvan. Ademais, o Concello avanza a súa intención de mellorar os accesos. "Queremos aproveitar este espazo, que xa é de titularidade municipal, para convertelo nun punto de atracción no que a deporte e lecer se refire, para persoas de todas as idades", explicou o alcalde de Cuntis, Manuel Campos. Unha vez autorizado o proxecto con fondos asignados e licitadas as obras, o prazo estimado para convertelo en realidade estímase nos seis meses.