Os grupos municipais do BNG e do PSOE no Concello de Poio fixeron público o seu enfado co goberno local do Partido Popular por ignorar as súas alegacións á ordenanza reguladora da prestación dos servizos de abastecemento de auga e da rede de sumidoiros. O BNG lamenta que o Concello de Poio "aplique o rodete" e aprobe as novas taxas da auga "defendendo só os beneficios da empresa en lugar das necesidades e economías da veciñanza". A voceira Marga Caldas critica que o goberno do alcalde Ángel Moldes desestima as bonificacións e rebaixas reclamadas polo Bloque "cos argumentos da concesionaria". Sinalan que as explicacións para rexeitar todas as propostas céntranse no informe emitido pola concesionaria, a empresa 'PW Advisory & Capital Services SL'. "En lugar de buscar fórmulas para evitar un 'taxazo' que vai duplicar o recibo, prégase ante os intereses da nova concesionaria só falando da súa viabilidade e de evitar futuros desequilibrios económicos nas ganancias empresariais", subliña Marga Caldas. Ademáis a nacionalista reprocha que se acuse de malgastar auga ás persoas que teñen pozo. Pola súa banda, o PSOE de Poio denuncia que o goberno municipal "impón unha ordenanza inxusta e antisocial" para o servizo de auga e sumidoiros. Aseguran os socialistas que a nova ordenanza "vai impoñer un encarecemento brutal". "A ordenanza consolida unha subida tarifaria escalonada e electoralista, con incrementos mínimos ata as eleccións e un forte encarecemento logo das mesmas que castigará duramente o peto dos veciños", asegura Gregorio Agís, portavoz do grupo municipal socialista. "A subida suporá máis de 800.000 euros anuais que van ter que soportar os veciños", engade Agís.