Anafáns, nova parada do plan de mantemento e renovación dos parques infantís de Poio

Wait 5 sec.

O parque infantil de Anafáns, en San Salvador, estreou a súa nova cara. Foi despois de que esta semana concluíran as labores de mellora e mantemento nesta área de xogos. O alcalde de Poio, Ángel Moldes, comprobou o remate das actuacións, realizadas por unha empresa local, e que consistiron en reparar todos os xogos e substituír as pezas rotas. Ademais, instalouse unha nova rampa tipo rocódromo e se adecuou todo o valado de seguridade do parque, tanto o de madeira como o de aceiro. Tamén se colocou un cartel informativo cumprindo así a normativa obrigatoria. Moldes destacou que "queremos que os nosos nenos e nenas teñan espazos de xogo preto dos seus fogares, pero sobre todo, que estes lugares nos que divertirse e socializar sexan completamente seguros" Esta actuación forma parte dun plan posto en marcha polo goberno local e que inclúe a posta a punto, remodelación e creación de novas áreas infantís en todo o municipio. Este plan municipal de mantemento e remodelación dos parques infantís inclúe tamén o da Caeira, no que actualmente xa se está traballando, así como os de Combarro, Chancelas e A Seca, nos que xa se actuou nos últimos meses. A maiores, xa están en proxecto tamén as remodelacións integrais dos parques de Ánkar e de Lourido, así como a creación dunha área multideporte nova en Vilariño. "Poio conta cunha poboación infantil moi importante", sostivo o alcalde, que destacou a importancia de traballar para impulsar servizos e infraestruturas que melloren a calidade de vida das familias, "convertendo Poio nun lugar cómodo, moderno, atractivo e con oportunidades".