Crecer nos meses de tempada baixa é o obxectivo de que se marcou o Concello de Sanxenxo e, á vista dos datos, parece que o están conseguindo. Segundo os datos do Big Data telefónico contratado pola Mancomunidade do Salnés para medir a actividade turística, desde xaneiro a xuño de 2025 en Sanxenxo pasaron a noite 221.426 viaxeiros. Esta cifra supón un incremento do 20,7% con respecto aos 183.507 viaxeiros que pasaron polo municipio no mesmo período de 2024. Xaneiro foi o mes con menos actividade turística, xa que moitos establecementos aproveitan para descansar, pero con todo, foi o de maior crecemento con 18.022 viaxeiros que pasaron a noite, un 10,25% máis que en 2024 (16.352). O segundo mes en crecemento de viaxeiros con pernoctación foi xuño, cun incremento do 9,92% entre 2024 (74.002) e 2025 (81.383). En canto á evolución dos visitantes polo día, é dicir que non pasan a noite, os que chegaron a Sanxenxo a pasar unhas horas foron 815.858 persoas no primeiro semestre, fronte aos 806.445 de 2024, o que supón un lixeiro aumento do 1,20%. Por último, en canto ao número de visitas pasouse das 2.522.529 de 2024 ás 2.651.409 do primeiro semestre deste ano, un incremento do 5,10%. Sanxenxo destaca que, aínda que crece moi pouco o número de persoas diferentes que visitan a vila polo día, "si que crece significativamente o número de visitas". En ambos os casos trátase de cifras importantes, segundo o goberno municipal, porque "avalan o atractivo que ten Sanxenxo entre as persoas que viven a unha distancia dunha hora ou menos".