A aseguradora de Galigrain desiste de reclamar os 10 millóns que pedía ao Concello polo incendio de Pontesa

Wait 5 sec.

O contundente auto xudicial, adiantado por PontevedraViva, sobre o proceso penal aberto polo incendio da nave da antiga Pontesa, en Ponte Sampaio, tivo un 'efecto dominó' que beneficiou aos intereses do Concello de Pontevedra. A compañía Generali Seguros, a aseguradora de Galigrain, a empresa propietaria do gran que se almacenaba nas instalacións, desistiu de reclamarlle á administración municipal os 10,38 millóns de euros que esixía como compensación por danos e perdas. Entendían que era a cantidade que debían recibir pola perda da mercadoría almacenada na nave como consecuencia da actuación dos servizos municipais de emerxencia durante as tres semanas que duraron as tarefas de extinción do incendio. Así o confirma o xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra, ante o que esta aseguradora comunicou a súa intención de non seguir adiante con este procedemento. Fano, segundo explicou a edil responsable da área de seguridade cidadá, Eva Vilaverde, despois de que a Audiencia Provincial arquivase a causa aberta contra o xefe do operativo de bombeiros que actuou nese incendio, Juan José Graña. "Era o que pensabamos que ía a pasar porque nos parecía bastante surrealista que se presentaran estas reclamacións despois de todo o traballo que fixeron alí os bombeiros e as condicións nas que se mantiña a nave", sostivo Vilaverde. A tamén tenente de alcalde lembrou que os servizos municipais de emerxencias, cos bombeiros á cabeza, "non causaron o incendio senón que o apagaron". Tras o arquivo desta causa só queda aberto un procedemento de reclamación de danos, xa que Allianz, aseguradora de Itaipu Trade -a propietaria da nave-, xa non chegou a reclamar ante o xulgado os 553.000 euros que lle pedía ao Concello. Así, o único proceso "que queda vivo", segundo Eva Vilaverde, é o impulsado por Galigrain, que reclama unha indemnización de case 1,13 millóns de euros.