A Deputación de Pontevedra abre este luns, 28 de xullo, o prazo para presentar candidaturas para optar aos II Premios de Boas Prácticas en Igualdade. Con estes galardóns, a administración provincial busca distinguir a persoas e entidades que realicen actividades, proxectos ou programas que destaquen como boas prácticas en igualdade de xénero e contra a violencia machista na provincia de Pontevedra. O presidente provincial, Luis López, destacou que estes galardóns repartirán 16.000 euros nos eidos da cultura, do deporte, da educación e do medio social, que poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 1 de outubro. "Parte da política de igualade desta casa consiste, tamén, en visibilizar a aquelas persoas e entidades que a constrúen día a día, con feitos. Para iso son estes premios", asegurou López. Deste xeito, premiaranse entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que realicen actividades ou proxectos sobre a igualdade de xénero ou a erradicación da violencia de xénero; a persoas físicas ou entidades culturais sen ánimo de lucro pola súa actividade a través de actuacións artísticas, teatrais, musicais, literarias para a consecución da igualdade de oportunidades de mulleres e homes; a persoas físicas ou entidades deportivas que fomenten a práctica deportiva en condicións de igualdade entre nenas e nenos ou entre persoas adultas, para romper cos estereotipos de xénero existentes e contribuír a erradicar a violencia de xénero no deporte; e a centros públicos de educación que teña incorporado no seu proxecto educativo a igualdade de oportunidades ou asociacións de pais e nais de alumnado que realice nos centros educativos actuacións dirixidas tanto ao alumnado coma ao profesorado e ás familias, co fin de fomentar a igualdade de xénero. Ademais haberá catro mencións honoríficas a persoas físicas, entidades locais, entidades sociais e organismos públicos que desenvolvan unha traxectoria inapelable a prol da igualdade entre mulleres e homes. Poderán concorrer a estes premios as persoas físicas, entidades, centros educativos e asociacións de nais e pais de alumnado da provincia de Pontevedra e as candidaturas deben presentarse a través da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra entre o luns 28 de xullo e o 1 de outubro. As bases dos galardóns, que recollen máis polo miúdo os requisitos, documentación precisa e outros detalles, publicáronse este xoves 24 de xullo no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).