O San Roque Rock, un novo ciclo musical que apela ás orixes do Surfing the Lérez

Wait 5 sec.

"Con moito rock e con moito surf". Así será, segundo o seu coordinador, Marcos Rivas, a nova oferta musical para as Festas de Verán de Pontevedra, o San Roque Rock. Será ao longo desta fin de semana, os días 25 e 26 de xullo, na Alameda. Trátase dunha proposta que bebe das orixes do Surfing the Lérez, explicou Rivas, e nela participarán algunhas das bandas que participaron nas primeiras edicións do festival. Cun marcado protagonismo para a escena local, o San Roque Rock unirá tanto a novos talentos emerxentes na música como a bandas "con moita tradición". "Será moi sorprendente", subliñou a edil responsable da área de promoción da cidade, Anabel Gulías, que destacado que será un ciclo gratuíto e ao que "todo o mundo pode acceder", algo que forma parte, reiterou, do ADN da programación festiva en Pontevedra. O ciclo arrancará o venres 25 ao grande coa actuación de Fortunas (20:00 horas), unha nova banda de Pontevedra "con músicos que teñen unha traxectoria moi grande", explicou Marcos Rivas, e que "fixeron moito polo rock" nesta cidade. Tras eles actuarán Tangomango (21:45 horas), unha 'big band' con nove músicos sobre o escenario "que todo o mundo debería ver", apuntou Rivas, e Los Bengala (23:30 horas), un grupo "que significa festa" e que chegan reconvertidos nun trío "de powerpop e diversión". Na xornada do sábado 26 subirá ao escenario Helena Egea (20:00 horas), unha pontevedresa "que está poñendo o noso nome por toda Galicia", segundo o responsable deste San Roque Rock, e que virá "cunha pedazo de banda". Xunto a ela soará o "poderío rockeiro" de The Bo Derek's (21:45 horas) e o "brillante surf" de Los Tiki Phantoms (23:30 horas), unha das bandas que estiveron no primeiro Surfing the Lérez. Ambos os dous días, antes, durante e despois dos concertos, o San Roque Rock ofrecerá 'pinchadas' en vinilos de Muñiz, Marcos Sonseca e Arturo Delgado.