O XIII Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de Xadrez quenta motores asentado como unha cita imprescindible para o xadrez local. "É un auténtico pulmón para o xadrez galego", asegura o seu director, Pablo García, ante unha edición cuns números realmente rechamantes ao bater a súa marca de participación. Celebrarase do 24 ao 30 de xullo no Pavillón Universitario con máis de 250 xogadores inscritos, 80 deles chegados desde fóra de España con até 20 países repesentados. Entre eles estarán grandes nomes como o gran mestre ucraíno Vladimir Baklan, o italiano Andrea Stella (vencedor o pasado ano), o cubano Carlos Albornoz, a india Nandhidhaa ou a peruana Karen Zapata. "Estamos a falar dun evento que bate novamente todas as marcas", explicou na súa presentación o representante da Escola Xadrez Pontevedra acompañado da concelleira de Deportes, Anabel Gulías; a directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda; e Luís Torres en representación do vicerreitorado da Universidade de Vigo. Presentación do XIII Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de XadrezCristina Saiz Serán en total "sete días nos que se disputan nove roldas", todo iso achegándose nesta ocasión ao centro da cidade e convidando os pontevedreses a que acudan a presencialo en directo, ao contar con entrada de balde. En todo caso "as partidas retransmíitense en directo nos mellores portais de xadrez do mundo", destacou Pablo García sobre a gran repercusión que alcanza a través desta vía. Por todo iso, afirmou á súa vez Gulías, a cita organizada polo Xadrez Pontevedra consolidouse xa como "un torneo con moitísimo prestixio".