Un mozo de 25 anos residente en Murcia entregouse este luns, 21 de setembro, en Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Achegouse até as dependencias policiais porque non puido suportar a presión que as forzas de seguridade levaban exercendo sobre el desde hai unha semana como sospeitoso de provocar o grave accidente mortal do 15 de xullo no Rosal. Nese accidente, un motorista do Rosal de 33 anos faleceu tras chocar contra un vehículo no Corredor do Baixo Miño, que une Goián e O Rosal. O turismo, conducido polo agora detido, deuse á fuga tras o sinistro. O mozo condutor presentouse voluntariamente na Comandancia e foi detido polos delitos de homicidio por imprudencia grave, abandono do lugar de accidente e omisión do deber de socorro. O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, confirmou este martes que o mozo xa estaba "identificado" e esperábase que a detención se producise "máis pronto que tarde". Finalmente, foi por propia decisión do sospeitoso. Tras presentarse voluntariamente, detivérono axentes do grupo de investigación de accidentes de tráfico e do equipo de investigación de sinistros da Garda Civil do Porriño. O detido conducía un BMW M4 con matrícula alemá e abandonou o lugar dos feitos tras o accidente. Na mañá deste martes vai ser posto a disposición xudicial, unha vez concluída a investigación. O subdelegado fai unha chamada á "prudencia" e a respectar a norma de circulación, pois "este suceso, que nunca se tiña que producir, é froito de condutas absolutamente intolerables ao volante", pois o condutor agora detido realizaba unha manobra irregular de adiantamento e, ademais, facíao con exceso de velocidade. Losada destaca que "o resultado é que unha persoa que circulaba correctamente perdeu a vida".