As Casas Modernistas da Illa de Arousa, unha antiga fábrica de salazón que agora é exemplo de transición enerxética

Wait 5 sec.

Un investimento de 183.020,97 euros fixo posible que as Casas Modernistas da Illa de Arousa dean un paso fundamental cara á eficiencia enerxética. Trátase dunha actuación subvencionada nun 80% con cargo ao Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE) do Goberno de España e no 20% restante polo Concello da Illa de Arousa (12.811,47 euros) e a Deputación de Pontevedra (14.641,68). O subdelegado do Goberno, Abel Losada, e o alcalde, Luís Arosa, visitaron este martes as novas instalacións de calefacción por xeotermia para estas Casas Modernistas. As obras, que van supor un importante aforro eléctrico para o Concello, remataron nos últimos días. O subdelegado destacou que este proxecto vincula dúas cuestións "fundamentais". Por unha banda, a transición enerxética e cuestións medioambientais, e por outra, a recuperación do patrimonio histórico-artístico e, polo tanto, a promoción turística dos territorios. Neste caso, trátase dunha antiga fábrica de salazón e todas as instalacións anexas que foron rehabilitadas e con este proxecto logrouse "recuperar espazos, mellorar as condicións de habitabilidade e mostrar turísticamente o patrimonio" ao mesmo tempo que se garante a eficiencia enerxética e se mellora o consumo de enerxías non contaminantes. Losada lembrou que a subvención do IDAE foi xestionada pola Deputación de Pontevedra durante o pasado mandato municipal e puxo en valor a importancia dos fondos europeos que fan posible actuacións como esta, no eido da sostibilidade medioambiental. Ademais, insiste en que estes fondos foron "traballados e defendidos con intensidade" polo goberno de Pedro Sánchez mentres o Partido Popular, desde a oposición, "tentou sistematicamente boicotealos, aínda que agora se poñan nas fotografías cando corresponde". O alcalde puxo o acento no aforro enerxético para o Concello, dado que ata o de agora a calefacción das Casas Modernistas, onde está o centro de maiores, a escola de música e a biblioteca, funcionaba por alimentación eléctrica convencional. "Este inverno, deixaremos de poñer os radiadores eléctricos, de pasar frío. Por fin, teremos unha calefacción 100 % renovable", sinalou, ao tempo que lembrou que levban dous anos esperando a execución deste proxecto, iniciado pola Deputación de Carmela Silva e rematada pola institución que agora dirixe Luis López.