A Deputación, o IDAE e 38 concellos investirán 4,26 millóns de euros na instalación de paneis fotovoltaicos

Wait 5 sec.

O salón de Plenos do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este martes unha reunión cos 38 concellos beneficiarios de cinco proxectos de eficiencia enerxética que consistirán na instalación de paneis fotovoltaicos. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, explicou que esta iniciativa mobilizará até 4,26 millóns de euros dos que 2,42 millóns proveñen do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), preto dun millón achégaos a administración provincial e máis de 900.000 euros dos concellos implicados. Na súa intervención, Luís López destacou que o "traballo conxunto" desenvolvido desde finais de 2024 entre a Deputación e os concellos "situounos como a administración local que máis recursos europeos recibiu para impulsar actuacións que sitúan a esta provincia como pioneira en eficiencia enerxética". A instalación destes paneis fotovoltaicos suporá un aforro estimado anual de 663.000 euros e permitirá reducir as emisións de CO2 "e seguir avanzando na construción dunha provincia máis eficiente", engadiu o presidente provincial. O titular da Deputación de Pontevedra pediu aos responsables municipais "un esforzo para ter os deberes feitos" xa que "os prazos son os que son e, si non temos prórroga, están fixados en 31 de marzo do 2026". A Deputación vai asumir directamente a realización do proxecto e a facilitar cuestións relativas á cofinanciación. Luís López reiterou aos alcaldes o compromiso do goberno provincial para "seguir articulando, da vosa man, proxectos e concorrendo a iniciativas para captar fondos" co obxectivo de "facer desta unha provincia máis extraordinaria, máis sostible e con máis futuro e oportunidades para todas e todos".