O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) amosa a súa "preocupación" polos "efectos ambientais negativos" que asocia á celebración do festival Son do Mar en Cambados e o Montalvo Fest en Sanxenxo, os dous ao carón do mar. O festival de Cambados está a celebrarse esta fin de semana e CES denuncia que este venres 25 de xullo un paseo mañaneiro pola zona do Pombal deixaba imaxes da contorna chea de lixo como vasos de plástico, botellas ou envases de alimentos e de restos da propia montaxe do festival, com bridas ou restos de ancoraxes. "A costa amenceu noxenta", denuncian, e consideran que "a promotora do festival non tomou as medidas adecuadas (ou non con suficiente intensidade) para salvagardar ese mar do que toma prestado o nome". Así, consideran que "precisan tomar decisións para mellorar a prevención de chegada de lixo ao mar", sobre todo na zona onde se atopan os foods trucks. Esta venres, voluntarias de Limpiarousa recolleron parte deses residuos e o CES púxose en contacto con responsables do Concello "para que tomen as medidas necesarias". No caso do festival de Montalvo, previsto para o 31 de xullo, lembran que detrás da praia hai unha duna con vexetación que forma un hábitat prioritario a protexer pola Directiva Hábitats da Unión Europea. Esta praia e duna considéranse tamén área de presenza da especie Charadrius alexandrinus (píllara das dunas), dentro do Plan de Conservación desta pequena ave, moi escasa e ameazada, por ter habido tentado aniñar nela anos atrás. Por estes valores, sumados á sua beleza paisaxística, consideran que este tramo natural de costa "non é o mellor escenario para un megaevento como o Montalvo Fest". Así, alertan que á contaminación luminosa e acústica "sumarase o pisoteo da duna e a proliferación de residuos que o vento e as mareas se encargarán de esparexer". Tamén preocupa ao colectivo o cambio de usos dos terreos lindantes, que están a ser rozados para convertelos en aparcamentos, "transformando así unha paisaxe rural e verde en tristes explanadas sen vida que empobrecen a nosa costa". O colectivo ecoloxista pregúntase se a asociación cultural promotora do Montalvo Fest ou o propio Concello de Sanxenxo "van tomar as medidas precisas para minimizar estas problemáticas". A entidade enviará un escrito dirixido ao Concello de Sanxenxo, onde preguntan polas medidas ambientais que teñen pensado tomar e propoñen algunhas ideas que "axudarían a minimizar o seu impacto". O CES insiste en que "este tipo de macrocelebracións deberían evitar celebrarse en espazos naturais como o de Montalvo, tendo ademais nas nosas vilas lugares habilitados para estes fins máis que suficientes e que suporían un impacto cero no noso entorno natural".