Un circo para o que non hai xustificación ningunha, e que vai deixar, sen dúbida, pegadas imborrables na vida dun menor. Estou a referirme, como é fácil adiviñar, ao caso de Juana Rivas e o circo mediático, inxustificable, do que é vítima o seu fillo menor cada vez que debe regresar co seu pai. Realmente, deberíamos falar de dúas vítimas, xa que o rapaz maior, obviamente tamén o sufriu e o segue a sufrir, malia que a súa maioría de idade lle permita xa tomar a decisión de marchar a Italia ou quedar en España, pero que non por isto sufre menos. Vaia por diante, antes de continuar, que non me estou a posicionar a favor nin en contra de ningún dos membros desta ex parella. Nin son quen para facelo, isto para comezar, nin coñezo, como é lóxico, os pormenores do caso, a diferenza do que lle sucede a máis de media España, que, polo visto, deberon de vivir con eles, porque non é que opinen, é que xulgan e sentencian. O que si quero destacar son algúns pormenores que non se están a ter en conta, ou, polo menos, non se mencionan, e que non son, para nada, cuestións banais. En primeiro lugar, destacar o dano que se lles está a facer a estes rapaces, cuxa vida quedará marcada xa para sempre, pero isto, polo visto, non lle importa a ninguén, algo que eu, francamente, como nai, non son quen de entender. O mínimo, independentemente das circunstancias que rodeen este lamentable caso e a ex parella, sería levar a cabo o intercambio do menor nun espazo privado, que garanta a seguridade e o benestar do menor, e non no que semelle máis ser unha feira, rodeado de cámaras e micrófonos. Escoitar o menor é unha cousa. Obrigalo a participar nun espectáculo lamentable, outra moi distinta, e moi cruel. E neste punto, cabe facerse unha pregunta. Quen filtra aos medios a información cada vez que o intercambio se vai levar a cabo? Unha pregunta para reflexionar, non si? En segundo lugar, non se pode pasar por alto nin a figura, nin a "ética" algo máis que cuestionable, nin o papel que xoga a tal Paqui Granados, asesora xurídica do Centro de Información á Muller de Maracena, que, lembremos, no seu día foi a principal instigadora para que Juana Rivas fuxise cos seus fillos, que acaparou cámaras e micrófonos para o seu beneficio, aproveitándose duns feitos tan graves e dolorosos nos que había dous menores gravemente danados, pero que, en canto as cousas se puxeron feas, non dubidou en desaparecer do mapa, non sen alegar antes que ela nunca lle aconsellara a Juana Rivas a súa marcha, incorrendo no que era, claramente, un delito de subtracción dos menores, pero que agora non dubida en reaparecer, sempre en primeira fila, porque está claro que se hai algo que "lle pon" a esta señora, e perdoádeme a expresión, son os micrófonos, as cámaras, como non hai dúbida do seu afán de protagonismo, aproveitándose da clara inestabilidade psicolóxica da Sra. Rivas. Unha asesora xurídica alentando a delinquir... todo moi coherente, non si? O que nos leva a facernos outra pregunta: Por que as leis non actúan tomando as medidas pertinentes acerca destes "personaxes" que se aproveitan da súa pertenza a organismos oficiais para o seu beneficio e como se pode tolerar que ocupando un posto como o dela, non soamente non tente evitar estes vergoñentos espectáculos, que tanto dano lle están a facer a este neno, e, por suposto, ao seu irmán, senón que os apoia e os fomenta? E isto lévanos a outra cuestión aínda máis grave. Como é posible que un goberno como o noso, que tanto se gaba da súa implicación e concienciación na loita contra a violencia de xénero, e que debería ser exemplo de coherencia, obxectividade, e, por suposto, neutralidade, avogando polo cumprimento das leis, se pronuncie tan rotundamente en canto detecta o impacto mediático do caso? A ministra de Igualdade, que, en pleno 2025 aínda anda a "estudar" se os períodos vacacionais inflúen no repunte da violencia de xénero, a Sra. Yolanda Díaz, que non dá feito no seu ministerio, e á que as vítimas anónimas lla traen absolutamente ao pairo, e, o colmo dos colmos... o mesmísimo presidente do goberno!... Ante isto, creo que non queda outra que asumir que a loita contra a violencia machista e vicaria no noso país está máis que perdida, para os que de verdade nos preocupa, claro, porque para os que aspiran a facer caixa e sumar votos é o filón perfecto. Unha cuestión máis que non podemos pasar por alto. Cada vez que unha muller incluída no sistema VioGén, cunhas medidas en vigor, é agredida ou mesmo asasinada por non estar a ser protexida como debería, desde as FCSE alegan falta de efectivos... Cantos policías había rodeando a Sra. Juana Rivas cando fixo a súa entrada estelar en olor de multitudes? É que esta señora ten máis dereitos que o resto das vítimas? Hai dereito a que, mentres mulleres e menores cuxas vidas corren un serio risco estean totalmente desprotexidas mentres ao seu arredor se forme un cordón policial que non ten nin a máis mínima xustificación, porque a súa situación pode ser moi dura, si, ninguén o discute, pero, que se saiba, a súa vida non corre risco? Que pasa, que esta señora é dunha categoría superior ás demais, e, de ser así, a santo de que? Por non mencionar que hai moitas familias, moitas, que están a pasar polas mesmas circunstancias ou mesmo máis graves, e son ignoradas totalmente. E se tanto lles quere aos seus fillos, que non dubidamos, ollo!, que así é, que comece a demostralo evitándolles este circo e tanto sufrimento, porque, e ela debería sabelo mellor que ninguén, neste país noso, hoxe é a estrela, e, nun par de días, como moito, ninguén se vai lembrar de Juana Rivas, nin dos seus fillos, como sempre sucede, que o teña claro. A menos, claro está, que se organice outro show, que tampouco sería tan raro. E, para rematar, un chamamento aos medios de comunicación. Prudencia e respecto, por favor. Estamos a falar, neste caso, dun menor de tan só 11 anos, non da famosa ou famoso do momento. Non todo vale. Asociación Si, hai saída