Arquivos e secretos de Estado

Wait 5 sec.

A política arquivística no Estado español sempre foi obxecto de críticas por todos os sectores adicados á investigación histórica, persoas que traballan nos propios arquivos e organismos internacionais competentes no tema. A existencia dunha lexislación dispersa e confusa sobre o acceso á documentación, unida á interpretación restritiva de leis como a de protección de datos, dificultan en gran maneira a consulta de documentación fundamental para un coñecemento pleno da nosa historia máis recente. A falla de claridade lexislativa (moitas veces contraditoria) propicia que, en moitos casos, as persoas responsables dos arquivos opten pola interpretación máis favorable á limitación da consulta diante da hipotética posibilidade de ser sancionadas. O principio xeral debería ser o de acceso libre (Recomendación 2/2002 do Consello de Europa). En todo caso debemos recomendar o acceso sen restricións con trinta anos de antigüidade do documento. No caso da lei de protección de datos, a necesidade de acreditar o falecemento do titular en documentos que conteñan datos persoais sensibles, constitúe unha das máis graves limitacións de acceso. Debemos lembrar que esta lei só ampara dereitos das persoas vivas pero, ao poñer exclusivamente o límite na vida dos afectados, son os interesados quen deben achegar a proba da morte ou unha autorización; tarefa case imposible na práctica sobre todo cando se traballa con numerosas persoas. Na realidade amplía o prazo ata 110 anos. Debería contemplarse a obriga de que sexa o propio arquivo quen, mediante acceso ao rexistro civil, comprobase as datas de falecemento. A opción de despersonalizar e anonimizar a documentación resta moita información nas investigacións. Ao anterior debemos sumar a falla de persoal e de orzamento que sofren os arquivos. Isto supón a existencia de grandes volumes de fondos que nin sequera están catalogados. Esta situación determina que un dos dereitos humanos, como é a liberdade para a obtención de información, non estea garantido. Así o sinalan diferentes organismos internacionais, que denuncian a situación e demandaron aos diferentes gobernos medidas para resolvela. Citaremos tan só ao Consello de Europa que, nunha recomendación do ano 2007, precisaba que "un país non se fai totalmente democrático ata que cada un dos seus habitantes teña a posibilidade de saber, dunha maneira obxectiva, os elementos da súa historia". O dereito a saber e o dereito á verdade, como medios para loitar contra a impunidade teñen nos arquivos un elemento imprescindible, de aí a inclusión (1999) na Carta Europea de Dereitos Fundamentais o dereito de acceso aos arquivos. O dereito á verdade é condición necesaria para exercer os outros dereitos, sen el non pode haber verdade, xustiza e reparación. Polo tanto, a problemática dos arquivos debe enfocarse no marco dos dereitos humanos; o acceso libre a eles para toda a poboación, coas mínimas restricións posibles, é básico para facer efectivo o dereito á verdade. Nunca unha lei debe utilizarse para amparar o anonimato ou protexer os datos de persoas que cometeron crimes contra a humanidade. Un paso importante de cara a mellorar a situación que acabamos de sinalar é a presentación no Congreso dun anteproxecto para unha futura lei de información clasificada, que substituiría a vixente lei de secretos oficiais. A lei actual, promulgada en plena ditadura (1968) e con puntuais modificacións na transición, dá amparo á negativa a que investigadoras e investigadores e a sociedade en xeral acceda ao coñecemento de feitos capitais do noso pasado recente. Pode explicarse que, por exemplo, datos sobre a colaboración do goberno franquista cos nazis, da presenza de submarinos alemáns nas nosas costas ou actuacións nas guerras en Marrocos a principios do pasado século, poidan estar vedados á consulta? Non nos estrañaría que, poñamos por caso, aínda estivesen clasificados como secretos de Estado documentos da guerra de Cuba. Por non existir, non existe unha relación detallada dos fondos clasificados nin se coñecen os fundamentos precisos que ampararon a súa clasificación por parte das autoridades militares. Ademais non se contempla un prazo para a súa desclasificación automática (como existe noutros países) , quedando a capacidade para decidila nas mans das mesmas instancias que as clasificaron. Nunha primeira análise do anunciado sobre o anteproxecto, podemos sinalar varios aspectos positivos, comezando polo propio feito de querer modificar a lei; moi tarde, xa que debería terse feito ao principio da transición e evitaríase así a destrución dun gran volume de documentación ordenada polo ministro Martín Villa. Nunca é tarde se a dita é boa, afirma o refrán. Os prazos sinalados para a desclasificación automática son os seguintes: os documentos clasificados como "alto secreto", 45 anos que poden prorrogarse ata os 60; os "secretos", 35 anos prorrogables a 45; "confidenciais", entre 7 e 9 e "restrinxidos", entre 4 e 5. O feito de que sexa automática (ata agora non o é) supón un avance importante pero os prazos parecen excesivos; no caso da extensión a 60 anos, faría que non puideran consultarse documentos posteriores ao ano 1965 quedando fóra todo o relacionado coa transición e parte final da ditadura. Tampouco parece positiva a discrecionalidade na determinación da extensión e a posibilidade de excepcionalidades, xa que apunta a poder vinculala ao falecemento de certas persoas, fin de conflitos, etc. A clasificación ou desclasificación de determinadas materias corresponde en exclusiva ao Consello de Ministros ("alto secreto" ou "secreto") e o resto queda nas mans de diversas autoridades civís ou militares. Deixaría, polo tanto, de depender exclusivamente das autoridades militares. A clasificación será sempre de carácter excepcional e motivada; debe afectar soamente aos que estean relacionados directamente coa seguridade do Estado e ter a certeza de que a súa divulgación causaría prexuízos graves aos intereses nacionais. Supoñemos que haberá algún tipo de control parlamentario. No seu haber debemos contabilizar tamén a prohibición de clasificar documentos referentes a crimes contra a humanidade e que sexa un tribunal (Tribunal Supremo) e non o goberno quen decida no caso de que a administración rexeite peticións de desclasificación por motivos profesionais ou persoais. Nun estado de incerteza sobre o acontecer político a curto prazo, podemos albergar dúbidas se un futuro goberno de signo distinto ao actual, asuma posicións aperturistas neste tema; a paralización imposta polo ministro do PP Morenés tras a intención da ministra Carme Chacón de desclasificación dun importante volume de documentación, parece confirmalas. Imponse a cautela e esperar ao desenvolvemento parlamentario e a concreción do proxecto de lei pero, ao tempo, necesariamente deben abordarse puntos como a necesaria catalogación e divulgación dos fondos actualmente clasificados, condición imprescindible para posibilitar o acceso. Tamén a dotación de persoal e medios especializados así como a dixitalización, que facilite o acceso máis cómodo á poboación en xeral. En canto a certos aspectos como os relacionados cos vitimarios, habería que abordalo con reservas fronte as posibilidades da futura lei dadas as limitacións impostas por interpretacións restritivas nas leis actuais en materias como a protección ao honor e a imaxe ou a de datos. O dereito de intimidade e honor das persoas debería ser valorado en relación coa importancia dos dereitos "públicos" que teña o documento e o tratamento dos datos persoais para fins científicos e históricos non entra en colisión con eses dereitos se se salvagardan con normativa axeitada. En resume, apúntanse aspectos positivos pero imponse un certo escepticismo sobre o futuro que lle agarda na tramitación e posta en práctica. Xosé Álvarez Castro.