O encoro asturiano de Trasona (Avilés) foi escenario este fin de semana do LVI Campionato de España Sprint Novas Promesas, que reuniu a 485 padeeiros cadetes de toda España. Galicia acudiu ao evento cunha das delegacións máis numerosas e competitivas, con 166 deportistas de 25 clubs. A súa participación foi impecable, dominando o medalleiro e destacando nas clasificacións colectivas. O gran triunfador do campionato foi o Club de Mar Ría de Aldán, que se proclamou campión de España por equipos cun total de 600 puntos, superando ao Club Escuela Piragüismo Aranjuez (577) e ao Club Náutico Sevilla (335). O equipo cangués, ademais de dominar a clasificación xeral, foi o campión da liga masculina, onde obtivo 425 puntos, máis do dobre que o segundo clasificado. No medalleiro tamén foi líder ao sumar 5 ouros, 3 pratas e 4 bronces, un total de 12 podios nacionais. Na clasificación xeral tamén destacaron o galegos Club Náutico de Cobres cun oitavo posto e 207 puntos; o Club Ría de Betanzos, noveno con 164; e o CP Portonovo, décimo con 162. Na categoría feminina, o Club Náutico de Cobres logrou a terceira praza con 180 puntos, só por detrás do Aranjuez e o Port de Pollença. Podio Cadete B C1 masculino en TrasonaFederación Galega de Piragüismo