O martes 19 de agosto, no parque da Xunqueira, en Vilagarcía de Arousa, actuará a histórica banda "Los Toreros Muertos", que lidera o polifacético Pablo Carbonell. Como o resto das actuacións de San Roque, o concerto será de acceso libre e gratuíto. Segundo comunicou o Concello de Vilagarcía, a súa actuación decidiuse na mañá deste mércores despois de "dar por pechado o proceso de contratación de Mägo de Oz, cuxa polémica o Concello dá por resolta". As razóns xa foron explicadas este martes, pero o goberno local entende que "ante as diversas interpretacións que se fixeron", é preciso insistir en que "a decisión de non continuar adiante son o rexeitamento á frivolización sobre dous temas tan sensibles como a prostitución ou o consumo de drogas, e non, en ningún momento, polas opinións políticas dun membro desa banda; opinións que se respectan aínda que non se compartan". Así o goberno do alcalde Alberto Varela da por "pechado este incidente, do que o concello non foi responsable", afirma. O grupo escollido para dar o concerto é "Los Toreros Muertos", unha banda que naceu en 1984, en plena Movida madrileña, da man do gaditano Pablo Carbonell, o galego Many Moure e o arxentino Guillermo Piccolini. Dende o principio, o punk, o rock e o pop marcaron o seu estilo pero, sobre todo, a marca da casa foi e segue sendo o seu transgresor sentido do humor, que deixaron claro dende o seu primeiro disco, titulado "30 años de éxitos". Disolto o grupo en 1992, volveu aos escenarios en 2007. Agora, os de Carbonell están de xira celebrando 40 anos de música e humor, cun disco de título fiel ao seu estilo: "100.000 copias vendidas en una semana". No parque da Xunqueira, o 19 de agosto, seguro que centos de fans corearán éxitos interxeneracionais como "Yo no me llamo Javier", "Mi agüita amarilla" ou "Soy un animal". O Concello de Vilagarcía destaca que "o importante é que o programa de San Roque segue adiante" e será presentado nos vindeiros días. A Festa de San Roque está declara da de Interese Turístico Nacional e inclúe desde o Festaclown ao Combate Naval, un dos festivais pirotécnicos de Galicia, ou a Festa da Auga, pasando pola actuación de grupos locais e galegos "en concertos para todos os gustos". Este ano mestura o folclóre e electrónica de Mondra co recital operístico e de zarzuela de Ainhoa Arteta ou o concerto de David Bustamante, o tributo a Maná, e outras actuacións que se desvelarán nos vindeiros días, e dende hoxe "Los Toreros Muertos".