O PP Provincial de Pontevedra fixo este mércores unha valoración moi negativa da comparecencia "con tintes surrealistas", o pasado luns, do secretario provincial do PSdeG, David Regades e da presidenta do Partido Socialista en Galicia Carmela Silva na que falaron sobre o funcionamento da Deputación de Pontevedra e sobre a moción de censura presentada polos populares en Forcarei. A secretaria xeral do PP na provincia, Luisa Piñeiro, lamentou que ambos dirixentes socialistas recurran "á mentira, a prepotencia e o insulto" para "tapar a decadencia electoral e social do PSOE na provincia" fronte a "unha Deputación que, agora si, goberna para todos". A secretaria xeral, Luisa Piñeiro, ironizou sobre as acusacións de "irregularidades" no organismo provincial sinalando que "é moi posible que, para Carmela Silva, sexa irregular a actual xestión, posto que se atende e recibe a todos os alcaldes, cousa da que ela non pode presumir porque a min, como rexedora de Moraña, tívome vetada cinco anos; que se atenda e escoite aos colectivos e asociacións aos que abandonou nos seus dous mandatos; que non se produzan casos tan vergoñentos como o da súa cuñada; e, en definitiva, que as portas estean abertas para todos moi lonxe do seu sectarismo". Neste senso, a representante popular advertiu de que as irregularidades que están pendentes de aclaración versan sobre "a identidade da persoa que deu a orde de contratar á cuñada de Carmela Silva para un posto de traballo polo que cobrou sen acudir ao mesmo" e engadiu que "ese formato debeu ser exitoso, posto que o PSOE extendeuno ao Adif para as parellas de José Luis Ábalos e tamén parece ser que pasaba en deputacións extremeñas". Piñeiro tamén lamentou "que o PSOE insulte gratuitamente" ao presidente da Deputación, Luis López, "nun exercicio de prepotencia e supremacismo totalmente censurable" e replicou, sobre o corremento das listas de Rodeiro, que os socialistas "caen de novo nun exercicio contradictorio de hipocresía porque do mesmo xeito chegou César Poza á Alcaldía de Vilaboa ou Blas García á de Ames". "O PSOE é un partido que minte directamente sobre o que fan os demais partidos e critícalles o que fan eles mesmos. Están totalmente desnortados e instalados nunha falacia constante", indicou, antes de engadir que "a súa realidade paralela chega a tal punto que se autoproclaman nas súas redes sociais como o partido máis votado da provincia malia perder consecutivamente as catro eleccións, en todos os ámbitos, celebradas entre os anos 2023 e 2024".