O PP quéixase ante a Valedora do Pobo polo uso das bandeiras no Concello de Pontevedra

Wait 5 sec.

O Partido Popular de Pontevedra presentará unha queixa formal ante a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, debido ao "incumprimento reiterado" do goberno municipal en relación co uso das bandeiras oficiais, tal como establece a lexislación pola que se regula o uso destas insignias. A concelleira do PP, Pepa Pardo indicou que o seu partido realizou "múltiples requirimentos", tanto por escrito como de forma verbal, solicitando o cumprimento da normativa "para que no exterior da Casa Consistorial ondeen as bandeiras de España, Galicia e Pontevedra". Pardo critica que "a pesar diso, non se recibiu resposta algunha por parte do Goberno do BNG, e a situación persiste a 48 horas de celebrarse a festividade do Santiago Apóstol", condenou. O grupo municipal do PP tachou de "inadmisible" que o edificio principal do Concello da capital non exhiba as bandeiras oficiais. Ademais, o Partido Popular destacou a importancia de que estas bandeiras estean instaladas, "como tarde, para a celebración do patrón de Galicia e España, o 25 de xullo", xa que consideran que esta é "unha data de gran valor e carga simbólica para todos os galegos". Pepa Pardo declarou que "os pontevedreses están fartos de que o alcalde Lores e o BNG incumpran a lei, ademais de demostrar que non teñen o mínimo respecto polas nosas insignias e bandeiras oficiais". Por este motivo, no PP han dicidido "acudir á Valedora do Pobo para que obrigue aos nacionalistas a cumprir a lei e devolver os nosos símbolos oficiais ao consistorio da Praza de España de Pontevedra", concluíu Pardo.