Un home de 44 anos e o seu fillo, de 25, foron detidos a pasada madrugada na parroquia pontevedresa de Salcedo pola súa implicación nunha agresión a unha terceira persoa. Os feitos ocorreron durante a madrugada do martes ao mércores e a Policía Nacional mantén aberta unha investigación para aclarar o ocorrido. Segundo as primeiras investigacións, a principal hipótese que se manexa é que puido tratarse dun axuste de contas relacionado coas drogas. En todo caso, todas as liñas de investigación seguen abertas. Pai e fillo son veciños de Poio e, segundo fontes consultadas por este xornal, citáronse cunha terceira persoa na zona da Carballeira, en Salcedo. Unha vez no lugar, agrediron a esoutro individuo, un home que relatou aos axentes da Policía Nacional que os seus agresores utilizaron ferros e paus. Este home supostamente recibiu un golpe cun pau na cabeza e outros golpes en distintas zonas do corpo como o cóbado ou o brazo e tivo que ser atendido no propio lugar dos feitos por unha ambulancia. Até o lugar dos feitos desprazáronse axentes das policías Local e Nacional de Pontevedra, aínda que a investigación a asume a Policía Nacional. Á chegada dos policías, a vítima estaba no solo, tendido na calzada.