Os Campionatos do Mundo Multisdeporte (Multisport) de Tríatlon deixaron unhas importantes cifras de retorno en Pontevedra e en toda a comarca. Así se explicou este mércores desde o Concello de Pontevedra tras unha reunión do comité organizador do evento no que se expuxo un avance do estudo económico encargado especificamente para calibrar o impacto dos mundiais. "O Mundial Multideporte deixou un impacto económico na provincia, na comarca, de case 22 millóns de euros (21.716.764 euros)", confirmou o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo. Ademais "pódese deducir que o impacto que cada visitante deixou na cidade foron 245 euros por día", engadiu, sendo o seu maior gasto o aloxamento (35%) seguido da restauración (20%), o transporte (14%), as tendas (11%) e o lecer (7%). "Por cada euro investido significou unha reversión de 13,42 euros, e dixeron que teñen interese en volver visitar por lecer ou turismo Pontevedra e a provincia o 56% das persoas", destacou o dirixente federativo. Comparecencia do comité organizador do MultisportCristina Saiz Todo cunhas cifras de participación finais de 3.250 deportistas e 7.011 acompañantes, por tanto superando a previsión de 10.000 visitantes estimados. Xunto a Hidalgo o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, detallou os ingresos e gastos que supuxo o Multisport, cuns ingresos totais de 2.410.000 euros e uns gastos de 2.360.000 euros. "Temos que valoralo positivamente como unha boa xestión do evento", defendeu Lores lembrando que "apostamos por facer grandes eventos deportivos porque entendemos que iso xenera actividade económica na cidade". Máis detalladamente a achega por ingresos de inscrición foi de 605.000 euros, preto de 65.000 euros procederon doutros ingresos, o Concello de Pontevedra achegou directamente un millón de euros a través dun convenio coa Federación Española de Tríatlon, a Deputación achegou 100.000 euros e a Xunta de Galicia 82.644 euros ademais da achega "en especie" polo uso do CGTD. Por último de novo o Concello investiu 399.590 euros "no plan de comunicación, voluntariado e eventos paralelos", e patrocinadores externos achegaron 158.000 euros. IMPACTO MEDIÁTICO Na comparecencia tamén se expuxeron algunhas cifras do informe sobre o impacto mediático dos mundiais, "Alcanzouse unha audiencia total de máis de 1.200 millóns de persoas considerando todas as plataformas mediáticas. A valoración dese impacto está por encima dos 4 millóns de euros", explicou Olalla Cernuda en representación da World Triathlon. GRAN FINAL DAS SERIES MUNDIAIS 2026 A cita serviu ademais para dar o primeiro paso na constitución do comité organizador da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, que en 2026 celebraranse por segunda vez en Pontevedra. Neste sentido "o que nos espera o 26 é moito mellor do que vivimos até agora", asegurou José Hidalgo, xa que con respecto á edición de 2023 a celebración dun Mundial de grupos de idade sprint e as remudas elevan a previsión de asistencia. "Estamos a falar que poden converterse en case 5.000 particiupantes, e os visitantes serán uns 15.000. É outra dimensión", afirmou o máximo representante do tríatlon nacional.