Os traballadores de Emerxencias de Sanxenxo enviaron unha carta ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores expresando o seu "profundo malestar" polo envío de voluntarios de Protección Civil do Concello da capital "a suplir tarefas propias do corpo sanxenxino" durante o multitudinario concerto de Juan Luis Guerra. Na carta dirixida ao rexedor pontevedrés estes traballadores critican ao alcalde de Sanxenxo Telmo Martín porque "decidiu que non era necesario reforzar o Servizo Municipal de Xestión de Emerxencias, tal e como se fixo con todos os servizos esenciais municipais" ante este evento musical que congregou a máis de 15.000 persoas na localidade. Aseguran que non se cubriron "nin os efectivos mínimos para o traballo ordinario", mantendo unicamente un efectivo de garda fronte ao tres establecidos por sentenza xudicial. Entenden que ese día do concerto "o risco era especialmente elevado" debido á gran afluencia de persoas que acudiron a Sanxenxo. Na carta dirixida a Lores relatan a "sorpresa maiúscula" que lles causou descubrir que "con motivo do concerto, desprazáronse multitude de voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Pontevedra para realizar labores tanto no interior do evento como nas vías municipais próximas". Consideran este feito sen precedentes como "un paso máis no desmantelamento dos servizos municipais por parte do alcalde Telmo Martín, cubrindo con voluntarios doutras administracións traballos propios do persoal contratado". Os traballadores de Emerxencias de Sanxenxo enmarcan esta polémica na situación que "levamos sufrindo meses como represalia polas reivindicacións de dereitos que leva a cabo o persoal deste servizo". Por iso critican esa presenza de voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Pontevedra e lamentan o "ofrecemento destes recursos municipais, xa sexan propios ou conveniados, dun Concello progresista como é o Concello Pontevedra, facilitando o maltrato do alcalde Telmo Martín contra os servizos e traballadores do propio Concello de Sanxenxo".