O programa provincial '+Bosques' duplica rutas

Wait 5 sec.

Máis rutas pero mesmo espírito. Así arranca unha nova edición do programa '+Bosques' que impulsa a Deputación de Pontevedra para formentar o contacto directo coa natureza da provincia. Entre agosto e outubro a nova edición deste programa propón percorridos polas rutas de Xabriña (Covelo), Ruta da Pedra e da Auga (Meis), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), Pazo de Lourizán (Pontevedra), Illa de Tambo (Poio) e o río Eifonso (Vigo). Todas as rutas, algunhas delas pola tarde, pretenden proporcionar aos participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do 'baño de bosque', explicou o deputado Marcos Guisasola sobre a posibilidade de coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade que ofrece Pontevedra. En cada percorrido promoverase a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído ou o gusto, e realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural. Por estes motivos cada ruta está limitada a un máximo de 15 persoas. As persoas interesadas en participar nas primeiras actividades, en agosto, poderán inscribirse a partir das 9.00 horas deste xoves 24 de xullo a través dun formulario que se habilitará na web da Deputación. En concreto o programa +Bosques arrancará o 2 de agosto coa Ruta da Xabriña, que se repetirá os días 10 e 23 do mesmo mes. Ademais o 3 e o 24 de agosto a protagonista será a Ruta da Pedra e da Auga, o 9 de agosto O Carreirón, o 16 e 31 Cabo Udra, o 17 a Illa de Tambo e o 30 de agosto o río Eifonso. En setembro os percorridos continuarán pola Illa de Tambo os días 6 e 20, pola Ruta da Xabriña o 7, Carreirón o 13 e 28 de setembro, Pazo de Lourizán o 14 e 27 e pola Ruta da Pedra e da Auga o día 21. Xa en outubro a programación comezará polo Pazo de Lourizán os días 4 e 19, seguindo polo río Eifonso o 5 e 12, Cabo Udra os días 11 e 25 de outubro, Ruta da Pedra e da Auga o día 18, Illa de Tambo o 19 e por último Carreirón o 26 de outubro. As inscricións para os percorridos de setembro abrirán o 25 de agosto para os do mes de outubro o día 22 de setembro, en ambos os dous casos ás 9.00 horas da mañá.