Preto dun millar de sinaturas secundan a petición que nos últimos anos xa fixeran diversas entidades de Bueu e o BNG para musealizar o faro de Ons. Son, en total, 845 firmas que se recolleron entre xullo de 2024 e xullo de 2025 na propia illa de Ons e no municipio de Bueu. Entregáronse este luns no rexistro dixital da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra. A petición está impulsada por catro entidades: a asociación ecoloxista Anduxía, a asociación de amigos das embarcións tradicionais Os Galos, a asociación micolóxica naturalista Liboreiro e a asociación gastronómica cultural Piñeiróns. Todas as persoas que apoiaron o escrito piden que o faro de Ons pase a ser un museo de faros, para poñer en valor a propia edificación, todos os elementos do patrimonio marítimo conservados no seu interior e aqueles outros que se poidan traer para a súa exposición. As persoas asinantes rexeitan "calquera conversión do mesmo nun edificio de explotación privada como un hotel ou similar". Con estas sinaturas queren deixar constancia de que "existe unha grande demanda social" para a musealización do faro. Aínda que entenden as explicacións da Autoridade Portuaria nas que indica que o faro aínda está operativo e é unha zona de traballo, consideran que "iso non quita que se vaia planificando o seu uso futuro a curto e medio prazo". Ademais, recordan que a Autoridade Portuaria de Vigo vai musealizar o faro de Cíes e o faro de Sálvora, dependente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, está xa en obras para ser un centro de visitantes, polo que consideran que "chegou o momento de abordar a musealización" desta peza de Ons.