O waterpolo pontevedrés triunfa lonxe da casa. Mario Touriño, xogador pontevedrés formado no Club Waterpolo Pontevedra, é boa proba diso. Vén de proclamarse campión de España Xuvenil co CW Sevilla, entidade coa que compite desde o pasado verán. Na competición nacional, celebrada na localidade catalá de Terrasa, o Sevilla impúxose na gran final ao Barceloneta (7-4). Durante o campionato, Mario achegou ao seu equipo dous goles, ambos na fase preliminar. Tamén competiu no Nacional de 1ª Categoría outro xogador con pasado no CW Pontevedra, o ferrolán Mario Paz, que quedou ás portas da final co CN Barcelona pero que levou a casa a medalla de bronce.