Sabela, Sobrezero e Kike Varela pechan o cartel dun SonRías Baixas que arrancará co seu 'reencontro' con La Raíz

Wait 5 sec.

En apenas dúas semanas, Bueu acollerá unha nova edición do seu festival más emblemático. Volve o SonRías Baixas, que se celebrará entre o xoves 31 de xullo e o domingo 3 de agosto. E para prepararse, a organización vén de desvelar os horarios para todos os seus concertos. Iso si, antes anunciou a incorporación de tres últimos artistas ao seu cartel. Trátase da banda madrileña de pop rock Sobrezero, a galega Sabela coa súa proposta de pop electrónico e Kike Varela DJ, un dos produtores de música electrónica máis importantes de Galicia. A edición número 22 do festival inclúe unha trintena de nomes que constitúen unha programación variada, reflexo da enorme heteroxeneidade que prima na música hoxe en día. O SonRías Baixas arrancará o xoves con La Raíz, que volven aos escenarios tras facer un parón en 2018 e como parte da súa 'Gira Reencuentro' e coa que celebran os seus vinte anos cumprindo esa promesa coa que anunciaron o seu parón, "Nos volveremos a ver". O resto da xornada completarana Canteca de Macao, que celebrarán o vinte aniversario de Cachai?; Muyayo Rif, que presentará o disco Megalithic; e Baiuca, co seu selo persoal que mestura vangarda e a electrónica coa reivindicación do folclore e a música tradicional galega. Sen Senra será un dos pratos fortes do venres, mostrando a súa fusión dun son internacional urbano con influencias americanas e a súa esencia vangardista e intimista; xunto a Carolina Durante, toda unha banda xeneracional que chega con novo disco, Elige tu propia aventura. shego e Cariño tamén descargarán as súas guitarras neste segundo día con No lo volveré a hacer e Tanto por decir, os seus novos discos; e a elas sumaranse Grande Amore, o cantautor Luis Fercán e a banda Melifluo, proxecto que comparten Juanca e Jaime de Supersubmarina. O sábado estrearase no SonRías Baixas Alizzz, produtor para C. Tangana ou Rosalía, que presentará os seus álbums, Conducción temeraria e Tiene que haber algo más; ou Judeline, que fusiona a súa voz persoal con composicións que mesturan pop, flamenco e electrónica. Aquí y ahora, o novo disco techno e electrónico de Delaporte, tamén soará en Bueu para completar a oferta musical dun sábado no que haberá tempo para Maestro Espada, a fusión de rock con R&B, funk e folk de Griso e o indie electrónico dos galegos Capital Voskov. A tradicional sesión vermú tamén terá lugar, como en pasadas edicións, nesta xornada do sábado e estará protagonizada por dous artistas da terra que ambientarán o recinto de As Lagoas desde o mediodía: a 'máquina del buen rollo' de The Rapants e Sabela. Xa desvelado que este ano o festival esténdese un día máis, a xornada do domingo recibirá no seu último día ao que é, sen dúbida, un dos artistas máis importantes da escena española, Dani Fernández, que encabezará a programación presentando o seu disco La Jauría. Xunto a el estarán Carlos Ares, que chega a Bueu co seu álbum debut, Peregrino; Niña Polaca, xa convertidos en clásico do indie nacional; Nena Daconte, unha das voces máis recoñecibles do pop nacional; ou o pop enérxico do dúo Marlena e de Pipiolas. Para pechar o festival estará NDLR cun set que conseguirá, como xa fixo hai dous anos, manter a todos os asistentes cheos de enerxía ata o peche desta nova edición que promete ofrecernos, un ano máis, grandísimos momentos para o recordo. Horarios do festival SonRías Baixas 2025SonRías Baixas