A mellora de mobilidade do Campo da Torre, exposta aos veciños

Wait 5 sec.

O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, mantivo o luns un encontro con veciños e veciñas da contorna do Campo da Torre, onde está prevista unha intervención integral para mellorar a mobilidade peonil. Trátase dun espazo de gran importancia na vila termal, ao ser unha zona moi vinculada ao Camiño Portugués e tamén ao río Bermaña. O obxectivo, segundo asegurou o goberno local aos veciños ao expor o proxecto, é garantir a seguridade e a accesibilidade na zona. Para iso investiranse máis de 200.000 euros de fondos propios do Concello, procedentes do Remanente de Tesouraría de 2024. Actualmente xa deron comezo os traballos de sondaxe arqueolóxica previos á obra. O alcalde explicou os detalles da intervención, que se estenderá sobre unha superficie superior aos 2.500 metros cadrados. As actuacións proxectadas prevén priorizar o tránsito peonil na zona, á vez que se buscarán alternativas para o uso de vehículos privados, mellorando e aumenanto a superficie para viandantes e bicicletas. A área de actuación inclúe o espazo completo do Campo da Torre até a intersección coa rúa Fermín Mosquera, así como a contorna da fonte e da ponte. Tamén se prevé actuar no tramo da rúa Fernández García Díaz, máis próxima ao río. "Imos facer realidade un proxecto que convertirá en protagonista un dos espazos máis emblemáticos do noso casco urbano, garantindo unha maior seguridade viaria e sendo respectuosos coa contorna", asegura Jacobo Pérez.