O Palacete das Mendoza acolle a presentación do poemario "Compracer nunca, con pracer sempre"

Wait 5 sec.

A Deputación de Pontevedra leva o vindeiro martes 22 de xullo o ciclo Mulleres de Palabra(s), co que busca poñer o foco nas escritoras e nas palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero, ata Pontevedra. Concretamente, os xardíns do Palacete das Mendoza (sede de Turismo Rías Baixas) acollerán a partir das 20:30 horas a presentación do poemario "Compracer nunca, con pracer sempre", que incluirá un recitado, actuación musical e conversa na que participarán Carmen Quinteiro, Sofía Espiñeira e Marco Maril, nun acto no que tamén estará presente a deputada de Igualdade Sandra Bastos. Este programa, que arrancou o pasado mes de marzo en Vigo co encontro "Unha provincia de poetas" e que xa recalou na Guarda con "As novas voces literarias da provincia", en Sanxenxo con "Escribir para as máis novas", en Pontevedra con "O persoal é literatura. O uso da primeira persoa na escritura das mulleres" e na Lama con "Bordando historias", está a percorrer a provincia ata outubro reivindicando a palabra das escritoras do pasado da man de quince escritoras actuais a través de obradoiros, recitais e conversas. Mulleres de palabra(s) forma parte da programación do Ateneo Provincial pola Igualdade, cuxo obxectivo principal é a investigación e a divulgación artístico-cultural e científica con perspectiva de xénero. Despois da cita deste mes no Palacete das Mendoza, Mulleres de palabra(s) continuará en setembro tamén en Pontevedra co obradoiro para ler poesía a cargo de Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero. O primeiro ciclo "Mulleres de palabra(s)" rematará o 13 de outubro, Día das Escritoras, cunha conversa no Pazo provincial con Arantza Portabales, Susana Fortes e María Oruña.