Cunha gala final protagonizada por Dania Díaz, referente internacional da maxia feminina; Edu el Mago, un dos magos cómicos máis potentes do panorama nacional; e Samuel Moreno, semifinalista de Got Talent España. Así rematará o ciclo 'Xullo Máxico'. Tras percorrer as prazas, rúas, praias e parques do municipio, esta gala final celebrarase no porto de Raxó, este venres 25 de xullo a partir das 21.30 horas. Trátase dun espectáculo de maxia e ilusión para toda a familia, que conta con tres referentes a nivel galego, nacional e internacional. Un dos pratos fortes do festival é a presenza da ilusionista venezolana Dania Díaz, recoñecida como unha das maiores expoñentes da maxia feminina en Latinoamérica e no mundo. O seu talento e carisma á hora de contar historias a través da maxia fixérona merecedora de múltiples galardóns en América ou España. En 2018, foi finalista do programa Got Talent, onde conquistou ao público cun espectáculo emocional e inspirado na súa propia vida. Xunto a ela estará tamén Edu el Mago, considerado un dos magos cómicos máis potentes do panorama nacional. Cun estilo propio que mestura humor, participación e efectos imposibles, Edu conquistou escenarios de toda España e varios países europeos, ofrecendo espectáculos vibrantes nos que a risa e a sorpresa están garantidas. E, por último, actuará Samuel Moreno, mago galego semifinalista de Got Talent España e que nos seus espectáculos mestura o humor, a música e a tecnoloxía coa maxia para sorprender a todos os públicos e crear unha experiencia inesquecible. Ademais, caracterízase pola súa proximidade co público e por unha maxia dinámica, persoal e moderna. A través do 'Xullo Máxico', o Concello de Poio encheu durante os venres do mes de ilusión e espectáculo as prazas, praias e parques. Foi unha proposta novidosa, atractiva e de calidade que contou tamén coas actuacións de Sara Rodríguez e Óscar Fernández na Praza da Chousa, en Combarro; de Samuel Moreno na praia de Lourido; e de Roberto Lolo, no parque de Ánkar. Ademais, das actuacións, tamén se organizaron talleres de maxia nos espazos concilia de Poio.