"Moita xente é nacionalista e non o sabe. Temos que lograr trasmitir esa mensaxe"

Wait 5 sec.

O BNG reuniu este sábado a militantes e simpatizantes no campiño de Santa María dentro dos actos previos ao día da Patria Galega, cos que a formación nacionalista quenta motores para a manifestación que terá lugar o 25 de xullo en Santiago de Compostela. Durante a festa, na que, de forma distendida, os nacionalistas avaliaron a situación política local, nacional e internacional, tomaron a palabra a responsable local do BNG, Sabela Bará e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Bará comezou a súa intervención agradecendo á militancia o seu compromiso e fixo fincapé na importancia do traballo colectivo. A responsable nacionalista puxo como exemplo o traballo feito na Boa Vila, "que levou á cidade a ser todo un referente e a estar á vangarda entre as cidades do mundo". "Se vivimos nesta Pontevedra é grazas a un conxunto de persoas que deron o mellor de si para logralo e a unha cidadanía que se implicou e apoiou este proxecto colectivo", dixo. Coa mesma vontade de "avance e transformación" que o BNG levou a cabo en Pontevedra, Sabela Bará urxiu a a traballar por unha Galicia "con servizos públicos de calidade, con vivenda digna, unha Galiza que poña os coidados no centro, unha Galiza feminista e diversa, orgullosa da súa lingua propia. Unha Galiza soberana, aberta ao mundo, pacifista e antiimperialista que berra "Dende o río até o mar, Palestina vencerá". Acto seguido tomou a palabra o alcalde de Pontevedra, que recorreu á súa experiencia vital para falar da importancia de ser coherente e loitar polo que un pensa que é "bo para mellorar o país e a calidade de vida das súas xentes". Lembrou as primeiras loitas contra Celulosas "polas que acabei no cuartelillo", e que hoxe se repiten tamén na loita contra a macrocelulosa de Altri "que a Xunta do PP quere colocar no corazón do país". "Na Galiza estamos fartos de ser unha colonia, un territorio de espolio, de sacrificio", afirmou. "Somos un país rico e aspiramos a que a nosa riqueza contribúa a mellorar a vida das persoas. En Pontevedra demostramos que, como dicía Castelao, se temos fe no noso pobo, máis tarde que cedo o pobo terá fe en nós. Demostrámolo en Pontevedra e demostrarémolo na Galiza", dixo Miguel Anxo Fernández Lores. Falou tamén do "réxime corrupto do 78" e da "alarmante situación internacional", salientando especialmente "o xenocidio e a limpeza étnica que Israel está cometendo en Palestina", e a "falta de respostas contundentes" tanto do estado español coma da Unión europea. "Se ser antiimperialista, apoiar a nosa lingua, defender o noso país e o seu potencial, apoiar a Palestina ou defender a sanidade e a educación pública é ser antisistema, entón o BNG é claramente anti-sistema, e a moita honra !", declarou o alcalde de Pontevedra. Lores animou á militancia a explicarlle á xente que "o nacionalismo é unha das vías para medrar como país". "Moita xente é nacionalista e non o sabe. Temos que lograr trasmitir esa mensaxe". Rematou a súa intervención facendo un chamado a participar activamente na manifestación do Día da Patria en Compostela, "porque hoxe é máis necesario ca nunca espallar aos catro ventos ese lema do nacionalismo galego tan de actualidade hoxe, e tan necesario: Gobernemos nós a nosa terra". Acto do BNG no campiño de Santa María