Hai persoas que teñen o mal costume de falar alto nos lugares públicos. Algúns elevan o ton para que os escoiten. Na cafetería dous homes falaban moi alto. O tema a escalada racista en Torre Pacheco. Dicían unha morea de parvadas influídas pola onda fascista que nos rodea, cada vez máis. Mais viraron o tema cara a Boa Vila. Dicíalle un ao outro "estoy hasta la coronilla de escuchar todos los días hablar en chaparrito, nos tienen rodeados". É un caso de glotofobia de libro. Os galegos sabemos moito de glotofobia, é discriminación lingüística debida á pronunciación das persoas. Xerarquízanse aos grupos polo xeito de falar. Nas series das televisións en España os personaxes con papeis máis ignorantes sempre tiñan acento galego ou andaluz. O exemplo claro de glotofobia é a película "Toy Story 3". Na versión española, o moneco Buzz Lightyear cando se avaría fala con acento andaluz. É un defecto de fábrica, xa ven así dos EEUU, no orixinal o moneco fala en inglés e cando se avaría fala en español latinoamericano. Os da cafetería continuaron falando (en alto). A cousa pasou á xenofobia e ao racismo. "Nos roban los trabajos, traen inseguridad, mira el caso de la plaza de Barcelos, eso es lo que traen, problemas", seguía o falador, "van con sus viseras, sus tatuajes, tanto ellos como ellas parecen que van de uniforme, van tiesos y presumiendo". Replícalle o compañeiro que lle di "y los psicólogos chescagaos (supoño que fala dos de orixe arxentino polo de che) que van todo el día quejándose de cómo se vive aquí, que allá todo era mejor, siempre enseñándonos, que se vayan para su tierra" replicoulle o outro. Levanteime para marchar e escoito a frase para enmarcar: "como esto siga así vamos tener que volver a hablar en gallego para distinguirnos de ellos y demostrarles quienes somos los nacidos aquí". Levo toda a vida defendendo o noso idioma. Quero que se normalice de verdade, como lle corresponde ao idioma dunha nación, pero non quero que sexa por efecto dun problema de racismo, non. Ese non é o camiño. Vivo nun barrio, entre Loureiro Crespo, San Antoniño e Fernando Olmedo, no que hai moita inmigración sudamericana e africana. Coñezo a moitas e moitos deles. Nunca me importou o seu acento. Os fillos e netos van as escolas cos nosos. A festa de Altamira é un exemplo de fusión, somos todos un.Traballan arreo para facer unha vida mellor da que deixaron no seu país. Fan traballos mal pagos que moitos de nós non queremos facer. Son, para min e xente que me rodea, uns pontevedreses máis. A política lingüística, e discriminatoria, do presidente Rueda, e do PP, quedou clara ao non asinar a carta con Illa e Pradales para reivindicar a oficialidade do galego, vasco e catalán na UE. Non exerce de presidente da Xunta, exerce de militante do PP. Con eles o idioma vai quedar como unha cousa folclórica. Envexo a política lingüística de Cataluña ou País Vasco onde aos inmigrantes lles ensinan o vasco e catalán para integralos mellor nesas sociedades. Aquí non se lles ensina o galego. Para que?, si ya hablan español, din os do PP. Non entenden nada do noso País. É paradoxal, que uns pobres (os que falaban alto) se metan cos que son máis pobres que eles. Vemos aos provocadores en Torre Pacheco que meten con xente (moi pobre) que deixou o seu país en busca dunha vida mellor. Non se meten cos xeques que veñen a veranear a Marbella. Nin se manifestan no Barrio de Salamanca, en Madrid, ou como moitos lle chaman "Little Caracas" onde hai zonas nas que 8 de cada 100 habitantes son millonarios venezolanos ou suramericanos. Cos ricos non meten (cobardía). É triste que os pobres vaian contra os máis pobres. As persoas non son ilegais, son persoas. É obriga dos demócratas reverter esta tendencia racista.