A previsión de MeteoGalicia sinala que para finais desta semana Galicia recuperará a influencia anticiclónica, con baixa probabilidade de chuvia e temperaturas en ascenso, mesmo con valores altos para a época do ano. Haberá que agardar ao venres, festividade do Apóstolo, para que o sol volva brillar con forza. Mentres tanto este luns a Comunidade permanecerá nunha situación intermedia entre altas e baixas presións, cun tempo polo tanto moi cambiante. A xornada comezará con néboas e nubes baixas en comarcas do interior e chuvascos illados e ocasionais na metade oeste, desaparecendo co transcurso do día ao tempo que tenderán a abrirse claros especialmente nas Rías Baixas. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso e as máximas comezarán a ascender. Os ventos soprarán do suroeste, cambiando a oeste pola tarde, frouxos en xeral, con algún intervalo de moderado no litoral norte. Durante o martes Galicia seguirá nesa situación intermedia entre as altas e as baixas presións. Con isto, teremos néboas matinais en comarcas do interior e máis nubes na metade norte, sen descartar algún chuvasco illado e ocasional, os ceos máis abertos no resto do territorio. As temperaturas mínimas sen demasiados cambios e as máximas en lixeiro a moderado ascenso. Os ventos soprarán do suroeste pola mañá, cambiando a norte pola tarde, frouxos en xeral. Na xornada do mércores Galicia irá recuperando a influencia das altas presións con circulación do vento do norte. Con isto, teremos máis nubes pola mañá, mesmo sen descartar chuvascos illados no terzo norte, co paso das horas os ceos quedarán moi abertos en xeral. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso e as máximas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán de compoñente norte, moderados pola tarde.