Emitida en 148 países, cunhas audiencias semanais de 1.100 millóns de espectadores, a serie Los vigilantes de la playa introduciu na cidadanía un "imaxinario de ficción" respecto do afogamento, instalando na sociedade ideas como a de que unha persoa que se atopa a piques de afogar berra e axita os brazos. Mais diferentes investigacións teñen amosado que este é un proceso "sutil, silencioso e que dura pouco tempo", unha media de 90 segundos, como sinala un artigo do grupo de investigación Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, centrado en "contrastar a evidencia científica co imaxinario sobre o afogamento", como explica o seu responsable, o catedrático Roberto Barcala. Publicado na Revista Española de Urgencias y Emergencias, este traballo emprega a serie estadounidense Baywatch como punto de partida para pór o foco nun conxunto de "mitos e costumes" asentadas na poboación co propósito de tratar de amosar, a través dos resultados de diferentes investigacións, "que as cousas son doutra maneira". O punto de partida dun traballo "de divulgación e concienciación social", explica Barcala, é que o número de persoas afogadas mantense nunhas cifras "similares" ano tras ano, o que leva a este investigador a pór de relevo un dos factores polos que, "a pesar de que hoxe temos máis información e de que volve haber máis socorristas, a xente sigue afogando". Este é, subliña, a existencia dun "ideario" ligado ás representacións deste tipo de episodios que traslada a ficción cinematográfica e televisiva. "O que vemos na ficción é o que cremos que pasa", recoñece Barcala, que incide en que, no caso de Los vigilantes de la playa, "isto tivo unha repercusión enorme, porque foi a serie máis vista na década de 1990, da que seguimos a falar a día de hoxe". Fronte as "imaxes de afogados gritando, que sempre eran salvados", o artigo destaca que "durante o proceso de afogamento, ninguén alza a voz", así como no feito de que se trata dun "verdadeiro problema de saúde pública, que mata entre 400 e 600 persoas ao ano" en España. A serie amosaba tamén "bañistas imprudentes, xente alcoholizada entrando na auga" ou "adultos que non prestaban unha correcta vixilancia aos seus fillos", o que leva a Barcala a subliñar o perigoso da idea de que "cando un neno berra, é cando temos que socorrelo", que se ve plasmada en "numerosas historias clínicas", nas que os seus coidadores "manifestaron que non os escoitaron pedir axuda". A maior parte dos nenos afogan por falta de supervisión Pola contra, unha investigación do grupo Remoss, que analizou os episodios de afogamento de persoas en idade pediátrica atendidos en Galicia polos servizos de emerxencias sanitarias ao longo de 15 anos, permitiu constatar que "a maior parte dos nenos afogan por falta de supervisión". De feito, o estudo publicado en 2022 situaba este factor como principal causa do 55% destes episodios, que no 46% dos casos non tiñan lugar en praias ou ríos, senón en instalacións acuáticas como piscinas particulares. Máis a serie tamén "tivo cousas boas". Alén de que Los vigilantes de la playa contribuíse a asentar na poboación unha serie de "falsas indicacións" respecto do que implica o afogamento, "desde un punto de vista clínico, non todo foi un erro", admite Barcala. O catedrático alude en concreto ao papel que xogou de "visualización do afogamento" ou da importancia que teñen as ventilacións de rescate, á vez que permitiu dar a coñecer o traballo das e dos socorristas e mostrou o "mínimo risco de morrer en praias vixiadas", un feito corroborado por diferentes estudos, que indican que a maior parte destes episodios danse en areais sen supervisión. Non obstante, o investigador sinala que, fronte á visión da serie, na que as persoas teñen que ser salvadas, "o paradigma acutal é a anticipación, baseada na prevención activa". O artigo detense nese senso en que, a pesar de que nas últimas décadas "creceu exponencialmente" a investigación neste eido, o principal reto continúa a ser ese labor preventivo. Neste punto, Barcala lembra neste artigo o traballo que desenvolve desde 2016 o grupo de traballo multidisciplinar Semes-Socorrismo, da Sociedad Española de Urgencias y Emergencias, que ten como fin "promover as boas prácticas baseadas na evidencia científica".