'A Recalada' volve a Soutomaior para dar protagonismo á xente do mar

Wait 5 sec.

O peirao de Arcade acollerá o próximo 16 de agosto e ao longo de toda a xornada a segunda edición de 'A Recalada, encontro do mar', unha cita que busca realzar o patrimonio marítimo galego facendo fincapé na relación que ten Arcade e Soutomaior co mar. Este encontro foi presentado polo alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, acompañado dos representantes dos colectivos que participarán, entre eles a confraría e a asociación de mariscadoras de Arcade ou Culturmar, a federación galega pola cultura marítima e pluvial. Música, gastronomía e convivencia formarán parte deste evento co que, segundo Manu Lourenzo, "pretendemos poñer en valor o mar de Arcade, un mar que é tradición, historia e que ten un enorme potencial que debemos preservar, poñer en valor e dar a coñecer". Así, durante todo o día haberá actividades moi variadas relacionadas co mar, o turismo sostible, as artes de pesca, a artesanía local, a gastronomía ou a música popular. Será cunha ampla programación con navegacións, concertos, exposicións, animación na rúa, artesanía, exposicións, obradoiros e actividades para a cativada e para todas as idades. Xogará un papel moi importante a colaboración con entidades como Culturmar, o club náutico de Arcade, a confraría de Arcade, a asociación de mariscadoras, a asociación de baile e a música tradicional galega ou a de colectivos como os de artesanía e comercio local. Na segunda edición de A Recalada haberá izado das velas, unha feira de artesanía local, unha zona gastro, obradoiros para os máis pequenos da casa, sesión vermú con Abeleiras de Alaxán e Chispas do Lérez, un concerto de Os Carunchos ou unha 'fiada' como fin de festa. A todo isto sumaranse visitas guiadas ás embarcacións, paseos en kaiak ou unha mostra de instrumentos tradicionais. Para as actividades con inscricións previa, a navegación e degustación a bordo do Balardo de Santa Cruz e os paseos en kaiak, o prazo abre este xoves 24 de xullo, a partir das 21:00 horas e pechará o 13 de agosto ás 14:00 horas. Programación da segunda edición de 'A Recalada'Concello de Soutomaior