60.000 euros para mellorar o firme e a recollida de pluviais en Ucha de Arriba

Wait 5 sec.

O Concello de Poio vai investir máis de 60.000 euros para rehabilitar o firme e mellorar o sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais na rúa Ucha de Arriba, na parroquia de San Xoán É unha actuación que se vai desenvolver con fondos do plan Camiño Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e que vai ofrecer unha solución ao importante estado de deterioro que nalgúns puntos sofre este vial, segundo o concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García. A maior parte deste vial está situado entre vivendas unifamiliares e os terreos anexos a elas. Así, o concelleiro sinala que resulta "imprescindible" ofrecer unha solución á situación actual, xa que a zona ten unha pendente bastante pronunciada e a ausencia dunha rede para a recollida de pluviais provoca que con precipitacións intensas se produzan arrastres e inundacións. Así pois, o proxecto contempla a rehabilitación do firme, reasfaltando o pavimento existente mediante o aporte dunha capa media de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente, gañando todo o espazo que se poida entre muros. Con respecto aos sistemas de drenaxe, instalarase unha rede de pluviais en parte do tramo de actuación, principalmente na transición entre a zona rural e o núcleo de vivendas existentes. En total, proxéctase a instalación de 110 metros lineais de tubaxe PVC para drenaxe de augas pluviais, ademais da execución de tres pozos de rexistro que completen a rede. Para mellorar o funcionamento da rede e completar estas actuacións, instalaranse un total de cinco arquetas de sumidoiros para facilitar a labor da drenaxe lonxitudinal. O goberno municipai xa aprobou o expediente de contratación e, unha vez que se publique o anuncio na plataforma de contratos ao longo desta semana, as empresas disporán de vinte días naturais para presentar as súas ofertas. Unha vez licitada a obra, o prazo de execución será de dous meses.